Cre que o goberno en funcións intenta obstaculizar a súa toma de posesión
29 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Gerardo Conde Roa asumirá o bastón de mando municipal probablemente o 2 de xullo, logo dos recursos formulados polo PSOE e o BNG e sempre que a resolución destes non supoñan un volco sobre os resultados iniciais, que lle deron a maioría absoluta ao PP despois de máis de 25 anos de citas adversas coas urnas nas contendas municipais.
-Ao final houbo recurso, e por partida dobre. ¿Preocupado?
-En absoluto. Hai dous planos distintos, o xurídico, no que quen exercita o seu dereito non fai dano a ninguén. Pero hai un aspecto político interesante tamén. Creo que é un intento de obstaculización de que poidamos tomar posesión. Hai como unha especie de apegamento patolóxico ao poder e resulta que quen estiveron gobernando sen gañar eleccións agora queren impedir con recursos dilatorios que goberne quen gañou con absoluta.
-Con esa tranquilidade, isto o único que faría sería atrasar a toma de posesión a xullo. ¿Logo de agardar tanto polo goberno non lles preocupará a demora?
-Non temos presa ningunha, o único que lle digo ao goberno é que estes días se absteña de adoptar calquera decisión que poida supor incremento de gasto ou tratar de condicionar a xestión do goberno futuro.
-Agora toca xestionar. ¿Cales serán as primeiras medidas?
-É complicado dicilo porque haberá medidas de carácter interno e hai que empezar a preparar os orzamentos, e queremos cumprir os prazos, pero creo que o importante é mandar á cidadanía a mensaxe de que as cousas cambiaron, entendemos que para ben, e tentaremos pór o acento no que son dúas áreas, os servizos sociais e a cultura en sentido moi amplo.
-No eido da cultura, a vitoria do PP está a xerar inquedanza en algúns sectores.
-Sorprendeume o da Nasa, que é do que estamos a falar, supoño, que a pechen antes de que nós tomáramos ningunha decisión, será por razóns non atribuíbles a nós. Nós non temos un concepto da cultura pechada, queremos precisamente abrilo. Estes últimos anos o grave problema cultural de Santiago é que foi unha cultura pechada a unha visión ideolóxica moi concreta e esta é unha cidade que xa demostrou ter unha capacidade de convocatoria cultural moi importante, e esa época é a que queremos recuperar.
-Entre as prioridades manifestadas ata agora tamén está o rural e fala dun plan a catro anos, ¿con que investimento?
-Éo e queriamos investir polo menos en torno a dous millóns ao ano. E quereriamos facer máis, pero vai ser prioritario por unha razón de estrita xustiza. Non é de recibo que haxa parroquias sen abastecemento, saneamento e alumeado público.
-A reforma do PXOM que ten anunciada ¿agardará logo?
-Loxicamente leva un trámite un pouco máis lento, non é dun día para outro e haberá que estudar aquelas zonas máis urxentes, pero nesta lexislatura iniciarase o proceso de contratación da revisión de PXOM e do Plan Especial.
-O actual PXOM vén dunha revisión moi recente, ¿en que aspecto quere incidir entón o PP?
-O actual é unha adaptación da modificación da Lei do Solo. A nós preocúpanos tratar temas como infraestruturas, é fundamental revisar o sistema viario, preocúpannos temas como o modelo de cidade, ata agora baseado só na construción. Hai que empezar a buscar novas vías e cremos que é importante reducir a edificabilidade, as alturas de 6 e 7 pisos incluso destes últimos anos, a cidade ten que crecer máis en extensión que en altura. Ese é un plantexamento que imos levar adiante, e buscar solos industriais especializados en empresas de alta tecnoloxía, investigación e desarrollo.
gerardo conde roa alcalde electo do partido popular