José Luis García deu un salto inesperado en política e non por pasar do posto número 6 que ocupou na lista do BNG de Arzúa as pasadas municipais ao 2 que lle foi asignado para as presentes. A consideración do rexedor, Xaquín García, como «inelixible» por unha denuncia electoral do PP derivou na súa designación como novo candidato nacionalista á alcaldía.
-Este espazo ocúpano os candidatos que optan á reelección. O seu é un caso excepcional.
-O meu é un caso que non debería ter ocorrido. O candidato do BNG para a alcaldía era Xaquín García, sancionado inxustamente por unha irregularidade urbanística cometida polo PP nos anos 90, un candidato que sen ter sentenza en firme non pode presentarse a estas eleccións porque se lle aplica unha lei pensada para non permitir ao entorno do terrorismo o acceso ás institucións. Agora ben, o BNG ten un proxecto que desenvolver en Arzúa e ese proxecto debe continuar.
-O BNG esgotou todas as opcións posibles para que o alcalde fose readmitido como candidato. ¿Barallou a posibilidade de que non prosperasen cando aceptou sucedelo como cabeza de lista?
-Cando un acepta ser o número dous dunha lista, toma esa decisión barallando todas as posibilidades, incluída a de que podes ter que asumir a responsabilidade de ser o número un. Si é certo que para nós era impensable que Xaquín non puidera ser o noso candidato polo inxusto da situación.
-¿Ten asumida esa responsabilidade?
-A xestión do BNG no Concello durante oito anos foi unha labor de equipo, do que formei parte estes últimos catro anos como concelleiro de Educación e Cultura, polo que o noso proxecto para Arzúa non me é alleo, formo parte del, sexa como alcalde, concelleiro ou militante.
-¿Van valorar os veciños o enfrontamento electoral entre o BNG e o PP á hora de votar?
-Espero que os veciños valoren o traballo feito durante estes oito anos. A transformación de Arzúa é evidente. Non me cabe a menor dúbida de que os veciños saberán valorar e decidir intelixentemente.
josé luis garcía lópez candidato do bng
Naceu en Arzúa, onde exerce coma mestre. Está solteiro. Gústalle o cine, a lectura e a música.
É edil de Educación e Cultura dende hai catro anos, cando iniciou a súa andaina en política formando parte candidatura do BNG, que entón obtivo a maioría absoluta.