Solta de libros, música, baile e teatro para celebrar as Letras
13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A escasas horas da celebración do Día das Letras Galegas, Compostela e os concellos da súa bisbarra iniciaron xa onte un variado programa de actos para honrar a figura do poeta Lois Pereiro, a quen este ano está dedicada a efeméride. Así, onte, Santiago, conxuntamente con diferentes cidades galegas, celebrou Vento Lois, un evento colectivo organizado polo departamento municipal de Centros Socioculturais. Un roteiro literario guiado pola zona histórica compostelá abriu o programa de Vento Lois ante a estatua de Rosalía de Castro na Alameda. As actividades completáronse no Local Social de Caramoniña cunha «Acción sentimental-Aclamación a Pereiro», un concerto de Leo e a lectura dun «Manifesto Loisista», a cargo de Paco Macías.
O Concello de O Pino sumarase hoxe, como todos os anos, á celebración do día das Letras Galegas cunha actividade no Centro Sociocultural Luis Seoane de Arca na que participarán adultos e nenos. Trátase dunha programación enfocada aos máis pequenos pero con contidos de interese para persoas de todas as idades, a través das que se poderá coñecer a vida e obra do escritor homenaxeado dunha maneira lúdica e dinámica.
En colaboración coa Asociación Cultural Feitizo, a xornada vaise desenvolver das 16.30 ás 19.30 horas. Os nenos gozarán dunha merenda e participarán nun gran xogo en torno á figura de Pereiro, con preguntas para ir coñecendo algo máis da vida e obra do autor lucense. Ademais, ofreceranse dous obradoiros: un deles sobre tinguido de camisetas e o outro de elaboración de marcapáxinas.
A concellería de Normalización Lingüística, pola súa banda, ten preparado un completo programa que inclúe solta de libros, música, baile, lectura de poemas, xogos e teatro. Os actos comezarán o próximo luns coa presentación do xogo de toponomia Atopando Compostela na Biblioteca Pública Ánxel Casal. O xogo terá continuidade ao día seguinte, martes, na Quintana, coa repartición de 300 libros de Lois Pereiro. O acto central celebrarase ás 13.00 horas no Toural, onde nenos e nenas lerán poemas do escritor. As actividades inclúen tamén un concerto da Banda Municipal, a colocación cunha placa no cemiterio de Boisaca en memoria de todos aqueles e aquelas grazas aos que se mantén viva a nosa lingua, a solta de 200 libros na Alameda e a representación de Pelos na lingua, de Talía Teatro.