«As miñas dúas paixóns son debuxar e viaxar»

m. beceiro santiago / la voz

SANTIAGO

09 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Consorcio de Santiago e a editorial Kalandraka co editan Compostela, un orixinal libro de ilustracións realizadas por David Pintor, que onte foi presentado no Centro Social Novacaixagalicia. Compostela está conformado por una colección de 30 debuxos que plasman diferentes vistas do casco histórico compostelán, coa ollada persoal e orixinal de David Pintor, quen recrea os espazos xerando ambientes de ilusión. Ademais de ilustrador, David Pintor é humorista gráfico. Dende 1993 pertence ao dúo Pinto&Chinto, autores das viñetas que todos os días ilustran as páxinas de opinión de La Voz de Galicia.

-¿Como xurdiu a idea de facer este caderno de viaxe sobre Compostela?

-Naceu a partir de Cidades de papel, o primeiro libro que eu fixen coa idea de ter un caderno de viaxes. Naquel facía un percorrido a través de ilustracións por diferentes cidades galegas, do resto de España, Italia, Francia e outros países. A verdade é que funcionou moi ben e quedei moi contento da experiencia de unir as dúas miñas paixóns: debuxar e viaxar.

-¿E por que Compostela, pois vostede nunca viviu na capital de Galicia?

-Non, nin nacín. Eu nacín na Coruña. Pero desde sempre sentín cariño por esta cidade. A miña única relación con Compostela é a de vir moitas veces a gozar dela.

-¿Á hora de seleccionar os espazos a ilustrar guiouse polos seus gustos unicamente?

-Simplemente dediqueime a recorrer a cidade e ver os lugares que me producían unha impresión maior e que vía eu que podían dar moito xogo á hora de ilustrar. De feito, hai ilustracións da Quintana e do Obradoiro, pero tamén de prazas moi pequenas e de recunchos menos recoñecidos. Tentei fuxir de imaxes tópicas como a da Praza do Obradoiro como todos a vemos. O Obradoiro está visto de maneira sutil, desde o chan, aparecendo o personaxe que vai protagonizando todo o libro.

-¿Quen é ese personaxe?

-É un recurso que utilicei, unha especie de alter ego, un ilustrador que vai en bicicleta. Porque parecíame unha maneira moi lírica de recorrer unha cidade.

-¿«Compostela» é, pois, un libro para sorprender á xente que xa coñece a cidade ou aos visitantes?

-Penso que é para quen queira levar un recordo da cidade e tamén para quen a queira ver dunha maneira fantástica, máis lírica, recoñecendo os espazos onde antes non se fixara.