«Toda historia de amor entre persoas é orixinal»

Joel Gómez SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A colección literaria dun café da cidade condicionou a súa última narrativa longa, ao esixir trece capítulos

30 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En decembro do 2008, Edicións do Trece, do café-bar dese número da rúa Santa Clara, iniciou a colección «O lapis do taberneiro». Esta singular iniciativa ten xa cinco títulos e está próxima a incluír o sexto. Entre eles está O décimo terceiro mes , o terceiro libro de Raquel Miragaia, unha das voces máis singulares da narrativa galega nos últimos anos. -¿Condicionou o traballo literario a inclusión do libro nesta colección? -Si, o certo é que escribín a partir da idea da colección. Por un lado vin interesante a idea dunha literatura de taberna, e que esixa unha narrativa en 13 capítulos, segundo o nome do café que a patrocina. Como veño moito aquí, foi no propio bar onde comecei a elaborar a historia. Todos os libros tiveron o seu lanzamento no bar, e houbo moito público, o que resulta gratificante. -Unha historia de amor con moita poesía. -Inicialmente tiña dúbidas sobre o tema. Foi Ugia Pedreira quen me propuxo escoller unha historia de amor, que acabase ben. A inclusión dos poemas foi posterior. -¿Como foi, pois? -Tiña gardado un calendario da editora portuguesa Assírio e Alvim, que incluía unha serie de poemas de diversos autores, e xa tiña publicados textos sobre algúns deles nun blog. Cando estaba finalizado o relato vin que algúns deses poemas e textos se adaptaban á historia, e por iso, a posteriori, decidín a súa inclusión. -Un deses poemas, de Fernando Pessoa, di que «a luz do Sol vale máis que os pensamentos/de todos os filósofos e de todos os poetas», ¿está de acordo con iso? -Estou, en especial nesta fase da miña vida, en que teño un posicionamento cada vez máis existencialista, vexo acertada esa idea de Pessoa. -¿Como é a historia de amor deste relato, onde a protagonista afirma que para chegar a esa calma final tivo de navegar moitas tempestades? -É unha historia de amor que pode parecer moi tópica, aínda que non o é, porque toda historia de amor entre persoas é orixinal, por máis que poda haber elementos que parezan reiterativos. Cada capítulo do libro é un mes, e como se esixían 13 hai un repetido, que é decembro. O capítulo inicial e o final acaban con referencias ao silencio, de maneira moi diferente, consecuencia de toda a historia que está no resto da narrativa. -É profesora de español, ¿hai diálogo entre docentes das dúas linguas oficiais no ensino? -Para traballar obxectivos didácticos non hai moito, porque as prioridades son a programación e os resultados do alumnado. No meu caso continúo a escribir en galego, traballo hai anos nunha novela e espero con paciencia polo momento para a poder finalizar.