«O resultado deste curso depende moito do que cada alumno busque nel»

C. P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

O artista compostelán Jesús Madriñán, que reparte a súa vida entre Londres e Compostela, imparte esta semana un curso de fotografía avanzada en Arteria Noroeste, sede da SGAE. O programa de vinte horas está dirixido a profesionais, estudantes e afeccionados interesados en obter imaxes creativas. -¿Que se propón ensinar a un grupo en teoría tan heteroxéneo? -O resultado depende do que cada alumno busque nel. O obxectivo é achegarlles a fotografía de maneira non tanto mecánica como científica, fuxir de tecnicismos para facer un achegamento máis persoal e sacarlle partido á creatividade e á expresión persoal. Non sabía con que tipo de alumnado me podía atopar, pero resultou que todos teñen relación coa fotografía dende distintos ámbitos profesionais, polo que encaixan nun nivel alto dende o punto de vista conceptual. -¿Parte da súa experiencia? -Si, na medida na que o meu traballo coa imaxe é creativo, tanto se son instalacións como series fotográficas, e mesmo se son encargos comerciais tamén teñen que ver coa miña expresión estética máis persoal. -¿En que está traballando? -Teño aberta unha exposición en Londres, nunha sala preto de Portobello, e en xaneiro empezo a rodar en Santiago un viodeclip para un grupo de Barcelona ao que xa lle fixen a fotografía e a publicidade do cedé, e farei un proxecto persoal.