Buscándolle as voltas a Santiago

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A segunda edición de «A cidade interpretada» quere establecer unha conversa coas partes menos obvias da cidade e provocar un diálogo e un debate coa cidadanía

02 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai mil maneiras de buscarlle as voltas a unha cidade. Moitas máis cando é unha cidade como Santiago, cruzada de camiños, cruzada de historias e con case tanta ficción como pedras. Unha desas miles de voltas é a que se iniciou na noite de onte coa segunda edición de A cidade interpretada. Un proxecto no que nove artistas interveñen nas liñas dos sentidos menos evidentes, dende a rede de auga ata os xardíns de San Caetano.

Segundo o comisario deste proxecto, Pablo Fanego, un dos cometidos da arte contemporánea e, por extensión, de A cidade interpretada é levantar controversia, alimentar o debate. Apuntou Fanego na presentación de onte que o proxecto cumpría con esa intención de non ser comercial e de asumir o risco de padecer «algúns problemas de comunicación co público por esa causa».

Para o comisario «a creación do conflito é un labor que a mostra asume», asegurando que nunha parte considerable dos nove artistas internacionais invitados abordaron esa dicotomía entre as políticas culturais e as culturas políticas.

Outra das novidades repetidamente subliñadas na presentación de onte foi a colaboración multiinstitucional que este proxecto tivo para o seu financiamento. Concello, Xacobeo e máis o CGAC asumiron cantidades diferentes dun orzamento cifrado en 235.000 euros e que, segundo o Ignacio Santos, «as distintas entidades por separado non poderían asumir».

A responsable de Cultura compostelá, Socorro García Conde, sinalou que a aposta por este proxecto na segunda edición era «moi consciente» e nesa circunstancia estaba asumido que non «é un proxecto multitudinario».

Para Miguel von Hafe, director do CGAC, é imprescindible esa suma de ámbitos que é a arte contemporánea e máis o espazo público. Hafe apuntou que o CGAC está interesado nesa relación tanto como o está nesa «rede de complicidades» que as institucións deben tecer á hora de sacar proxectos adiante, especialmente en tempos de crise».

Nove espazos que esquivan «os lugares tópicos» segundo Fanego e que queren poñer en evidencia algunhas das relacións menos obvias da cidade coa historia e coa xeografía. Daí, por exemplo, o traballo de Andrea Fogarasi recuperando un cartelón da Cidade da Cultura ou a obra de Michael Stevenson na Facultade de Ciencias Económicas. Rubén Santiago, único galego do proxecto, coloca tuberías novas para unir os vellos mananciais do lugar que agora ocupa o CGAC ata a praciña paralela ao comezo da rúa San Pedro. Unha ligazón que, segundo o artista, quere facer visible algunhas ligazóns antigas, e non só físicas, da cidade.