«O voluntariado é un servizo coñecido pero non recoñecido»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Ten visto pasar a centos de rapaces con moita gana de dedicar o seu tempo aos demais, pero que «non se decatan de ata que punto obteñen rédito» dese labor

22 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Catorce anos pasaron xa dende que a Universidade de Santiago decidiu crear o servizo de Participación e Integración Universitaria. Dende aquela leva á súa fronte Javier Rodríguez Agrafojo, que ten visto a centos, senón milleiros, de rapaces con moitas ganas de agasallar aos demais co máis valioso que posúen: o seu tempo. Porén, os propios voluntarios non son quen de identificar os beneficios que obteñen máis alá dos académicos. Coa implantación de Boloña, recoñécese con ata seis créditos de carácter optativo.

-¿Hai que estar feito dunha pasta especial para ser voluntario?

-[Sorrí] Non, non creo que haxa que estar feito dunha pasta especial. Hai que querer, poder e saber. Dígoo porque de entrada achégaste ao voluntariado de xeito libre, falo porque queres. Porén, ás veces as obrigas persoais non favorecen a participación, non podes. E hai que saber porque moitas veces actividades de participación social pensamos que coa boa vontade chega, pero para desenvolver esa colaboración satisfactoriamente e con beneficios para o voluntario e para quen recibe a súa axuda é importante que che dean unhas claves.

-¿A comunidade universitaria é solidaria?

-Non soamente a USC, pero tamén é o que máis coñezo. A Universidade creou mecanismos para favorecer a participación que funcionan ben e nos que as persoas están interesadas e colaboran, ben de xeito continuo ou ás veces de xeito puntual en programas de sensibilización, información ou reivindicación. Poden participar todos, o que pasa que xa por número os estudantes son máis voluntarios. Porén, cando hai xornadas ou cursos sobre un ámbito concreto os PAS e o profesorado participa porque ten experiencia de xestión en organizacións non gobernamentais.

-¿Existe un perfil do voluntario?

-Si, existe. No curso 2009-2010 tiñamos rexistrados la oficina un total de 379 voluntarios, dos que a gran maioría eran mulleres. O perfil dentro da USC é dunha muller duns 21 ou 22 anos, e no resto do Estado tamén de muller e duns 25 anos.

-¿Hai predominio dalgunha titulación?

-No caso da USC a meirande parte dos voluntarios estudan algo relacionado coas Ciencias Sociais e Xurídicas. Tamén hai moitos de Ciencias da Saúde, que estudan e ademais colaboran en proxectos vinculados ou non á rama sanitaria.

-¿O voluntariado é algo coñecido pola sociedade ou aínda queda moito por facer?

-O voluntariado é un servizo coñecido pero non recoñecido, tanto pola sociedade como polos propios voluntarios, que non se decatan de ata que punto coa súa colaboración obteñen satisfacción ou habilidades para desenvolverse na vida diaria. Adquiren competencias que son beneficiosas para a súa empregabilidade, como a capacidade de traballar en grupo, a resolución de conflitos, falar en público ou mesmo a aplicar ética no traballo.