O interese do cidadán, o primeiro

Xosé M. Fernández López

SANTIAGO

Conseguimos que o orzamento municipal de Ames incorporase importantes proxectos que a veciñanza ven demandando desde hai tempo, como o transporte no medio rural, que o goberno municipal comprometese por escrito unhas datas para iniciar as execución dos proxectos, que se aumenten as axudas ás asociacións, aos clubs e ás familias nun 20%, e que se marque o obxectivo do pago a 90 días aos proveedores e contratistas, a maioría pequenas empresas do concello?. Como se ve nen estivemos calados nen damos cheques en branco.

¿A alguén parécenlle motivos pouco consistentes para permitir a aprobación do orzamento municipal? Quizais a aqueles que están posicionados exclusivamente no interese partidista do «sácate ti para poñerme eu». Pero calquera que pense no interese cidadán coincidirá que tanto os proxectos incorporados como os compromisos adquiridos supoñen unha mellora extraordinaria dos orzamentos. Velaí a diferenza entre o o BNG e o PP.

Os orzamentos non son os nosos, pero de aí a facer unha descualificación absoluta vai moito camiño. Non teñen nada que ver cos do 2008. Aqueles foron un fiasco e cadaquén xa se retratou e o tempo deu e tirou razóns. Ademais das propostas incorporadas, compartimos o importante gasto social que recolle o orzamento, moitos proxectos que nós puxemos a funcionar na pasada lexislatura, como os comedores escolares, os programas de conciliación, ou a implantación de un verdadeiro programa cultural e deportivo.

¿Entón porque non lle demos o voto favorable? Pois porque o actual goberno municipal segue sen facer un verdadeiro recorte de gasto improdutivo, segue sen aproveitar adecuadamente os recursos técnicos municipais, estima ingresos por riba do que sería prudente, insiste no autobomobo e na propaganda? Por iso non é o mesmo o BNG e o PSOE, por moito que o PP, por estratexia electoral, nos meta no mesmo saco. A oposición do BNG é razoada e con propostas. A do PP é túzara e indocumentada.

¿E se non se cumpre o acordo? Entón será responsabilidade exclusiva do goberno municipal, e sería un engano, fundamentalmente, á cidadanía de Ames. Pero en todo caso ese será outro capítulo, e pola nosa parte estaremos vixiantes e, de ser o caso, denunciarémolo publicamente.