«Manterse en liberdade é característica deste animal»

Manuel Beceiro

SANTIAGO

O dramaturgo presentou «Medea dos fuxidos e outras pezas», libro de pequenas obras para ler e representar

05 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Manuel Lourenzo, un dos dramaturgos vivos máis destacados do teatro galego, que acaba de recibir o Premio Álvaro Cunqueiro, presentou na libraría Couceiro Medea dos fuxidos e outras pezas . O libro, editado por Biblos na colección Mandaio, constitúe un magnífico conxunto de obras teatrais para o goce como lector e a representación de sinxelas montaxes de afeccionados, escolares e adultos.

-¿A quen está destinado fundamentalmente este libro de pequenas pezas teatrais?

-Non sei cal é o destinatario, pero en xeral para quen teña ilusión polo teatro. É un libro para ler, para a xente que traballa no teatro e para quen me teña lido e estea interesado polo que fixen.

-¿Lese menos teatro do que se ve en Galicia?

-Sempre din que hai pouca lectura de teatro. Eu creo que se promove pouco a lectura de teatro. Quizá ocorre que o afeccionado á lectura está un pouquiño invadido de libros de teatro.

-¿Que habería que facer para fomentar a lectura de textos teatrais?

-Habería que promovela nos sitios nos que o teatro ten unha presenza maior, en determinadas sociedades, centros de ensino e librerías especializadas como esta de Couceiro.

-¿En Europa, en Alemaña, por exemplo, que vostede coñece moi ben, lese máis teatro?

-Eu recibo de alí libros clásicos de toda a vida que quixen ter lido ou lin noutras linguas como castelán, francés e portugués, que agora tomo do alemán a prezos excepcionais. Encontrar un Fausto por dous euros é facilísimo. E o mesmo pasa con Shakespeare, en Inglaterra, de quen teño, por exemplo, un tomo de seis libras. Entón, hai certa protección desa literatura clásica.

-Vostede é un autor teatral dos máis prolíficos e ao mesmo tempo dedícase á dirección, a interpretación e o ensino. ¿De onde saca tempo para escribir?

-Parto dun descubrimento nos anos 80 por boca dun personaxe no que puxen que o tempo non existe. Cando o personaxe descubriu que o tempo non existe pensei en Galileo e o tempo acelerado, e cheguei á conclusión de que o tempo é unha invención abstracta. Se cres nesa tontería non perdes tanto. A escrita dáme moita vida, e unha saúde máis ben.

-Vostede está entre os once premios nacionais que criticaron publicamente ao concelleiro de Cultura. ¿Por que?

-Si, porque tamén unha característica deste animal é manterse en liberdade para falar con sinceridade.

-Din que o Centro Dramático Galego vive unha situación dramática. ¿Pensa o mesmo vostede?

-Sempre estivo en situación dramática e crítica e, por tanto, hai que estar loitando para superar a crise. O teatro é unha grandísima vocación, actividade e paixón para estarmos vivos. A guerra é o sino.