«Gústame comprobar que un libro non só é de quen o escribe senón do que o le»

C. P.

SANTIAGO

A escritora Fina Casalderrey, autora dunha ampla e premiada produción de obras infantís, foi a protagonista dunha nova sesión do programa que organiza a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, Tendendo redes. Neste encontro cos lectores no Consello da Cultura, o coloquio xirou arredor do seu libro A pomba e o degolado .

-¿Fixéronlle moitas preguntas?

-Si, e foi moi interesante, porque deron lugar a falar de moitas cousas, de temas literarios de sempre que están no libro coma o amor e a morte. O que máis me gustou é que o personaxe de André fose como alguén real para os lectores, supoño que porque é unha historia realista, con vida propia. A min custoume deixala, podía seguir e seguir, pero había que cortar.

-¿Os adultos analizan máis, non?

-Máis que iso, decateime que estas lectoras, porque agás un asistente o resto eran mulleres, emociónanse con certos parágrafos cos que dalgún xeito se identifican, e fixéronme preguntas sobre cousas nas que eu non tiña reparado, que son froito do subconsciente. Iso é estupendo, e gustoume comprobar que un libro non só é de quen o escribe senón de quen o le.

-¿Ser mestra influíu na súa obra?

-Todos somos froito das nosas experiencias, e eu son mestra dende os 19 anos. Pero hai moitos autores de obras infantís que non o son, e penso en Roald Dahl, ao que admiro moito e que polo que escribía non lles debía querer nada ben aos profesores.