¿Canto retén facenda por ir ao cine?

La Voz

SANTIAGO

05 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dende hai moitos anos todo o mundo que vai ao cine sabe que en España os futbolistas recibían mellor tratamento que os científicos. Sabían máis. Sabían que os futbolistas, famosos e ricos, recibían mellor trato que aqueles que combaten contra o frío da terceira rexional correndo entre o traballo de todos os días e máis un campo de fútbol coa duchas estragadas.

Entre os cinéfilos era un asunto que se daba por sabido, porque ir ao cine proporciona algunhas habilidades e moita sabedoría e quizais por iso o cine nunca será unha asignatura de verdade. Cando chegue o momento de introducir o cine no currículo da ESO, alguén dirá que é un asunto inútil e montará unha plataforma para dicir que o cine xa se ve na casa. Todo isto antes de deixar que os nenos miren de maneira acrítica calquera película de Tom Cruise e pensen que as misións imposibles son posibles.

Todos os redux que queiras

Unha cousa é pensar que o cine debería estar na escola e outra é calcular que Wong Kar-Wai vai entrar nos libros de texto. Na última década algúns realizadores orientais obtiveron dereito de pernada co seu cine e foron gañando posicións de prestixio antes de facer cartos con elas e marchar a Hollywood para ver de facer máis cartos. Neste equipo Wong Kar-Wai é dos meus favoritos. Aínda non lle pillei o estilismo das súas historias e quizais non me deixo seducir o suficiente pola abdución cromática que propón. Por máis que cando neno coleccionei cromos de cores non vexo os alicientes de Kar-Wai. Pero si que é gustoso ver que o director decide reformular unha das súas películas. Quere dicir que había algo na primeira versión que non era como debera.

Non llo digas á familia.

Algún día Cineuropa creará unha sección para todas esas películas que teñen como argumento que nunha familia normal alguén comeza a mentir e o proceso imparable da ficción trastorna por completo a vida futura. Hai casos, moitos, en todas as cinematografías do mundo. Un que perde o traballo, outro que perde o tempo e aínda alguén máis na unidade familiar que pensa que non ten nada que perder. As pantasmas da familia alimentan ao cine constantemente e mesmo hai días que deberiamos preguntarnos se o único motivo bo de existir as familias non será o de alimentar á literatura e ao cine.

¿Quen paga esas facturas?

Falando de subxéneros. Outro que tamén ten éxito entre os directores, incluso entre os directores de éxito, é o da prostitución de luxo que, non sei por que, deixa sempre a impresión de que é máis desculpable que a outra. Quizais sexa porque todo o que está rodeado de moito diñeiro parece máis desculpable, así na guerra como na prostitución. En contraste con contar algo sobre a prostitución carísima, Steven Soderbergh fai unha película de baixo orzamento o que, entre outras cousas, invalida a posibilidade de documentarse de xeito realista.

Falar de cine e falar de sexo

Menos remilgada pode ser a película filipina Serbis. Unha familia que rexenta un cine en Manila adicado a proxectar cine erótico. Un curiosa maneira de facer paralelismos entre a vida familiar cos seus problemas cotiáns e un mundo tirando a sórdido que se move arredor do cine e o seu argumento principal. Porque o sexo, aínda que estea de fondo, aínda que sexa tratado como un elemento de mercado indesexable, condiciona case todos os argumentos, os familiares de primeiros. E hai unha simpática coincidencia entre sexo e cine, ademais da querenza de un polo outro, tanto monta monta tanto. Falar de sexo e falar de cine son, por días, cousas semellantes. Un deporte que se practica de maneira maioritaria e polo que aínda non está claro canto nos descontarán no salario mensual. Aínda que John Lennon asegurara que non tiña sentido falar de sexo cando se podía practicalo, no caso do cine o asunto ten máis idas e vidas. Pero seguro que si. Seguro que é máis interesante practicar o cine que falar del. Máis interesante ir ao cine que facer cine. Aínda que a película sexa das que obriga a utilizar viagra para cumprir co guión.