O último libro desta profesora e política, De fala a lingua: un proceso inacabado , editado este ano por Laiovento, foi presentado dúas veces en Compostela. En 272 páxinas, recolle 33 textos breves, alén de dúas proposicións de lei que defendeu no Parlamento Galego.
-¿Que xustifica ese título?
-O título é expresivo dun proceso non completado. A crise actual do noso idioma existe porque o galego non funciona aínda a tempo completo nin en todos os espazos en que unha lingua debe figurar.
-¿Que supón este novo volume na súa traxectoria?
-O libro recolle estudos, artigos e traballos de 9 anos, do 2000 ao 2008, de diferentes formatos, e un tema central é a exclusión do galego. Hai tamén dous textos que o completan, sobre propostas que defendín, unha sobre a reforma da Lei de Normalización Lingüística e outra sobre os usos sociais e públicos do idioma galego.
-¿Teñen vixencia esas propostas?
-Teñen. O obxectivo era favorecer que se materialice na práctica o que se recoñece na teoría para a nosa lingua.
-¿E como se materializaría iso?
-Pois por exemplo obrigando a que os poderes públicos teñan deberes para que poidan ser efectivos os dereitos lingüísticos e se poidan exercer no ensino, na sanidade, na Administración, nos medios eclesiásticos e da Xustiza. Iso tería efectos multiplicadores e moi positivos para a lingua galega.