Un representante da Xunta que realizou tarefas de recoller os resultados das actas de escrutinio das mesas nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 1 de marzo, Lois Fraga Souto, devolveu un cheque de 100 euros, correspondente ao pagamento polo seu traballo, á Consellería de Presidencia, por estar en castelán. Tanto o documento como a súa cobertura estaban en castelán, a pesar de pertencer a unha entidade de crédito galega.
Lois Fraga, que reside en Compostela, solicitou que antes de tres meses se lle entregase «o correspondente cheque bancario que o substitúa [o que el devolveu] confeccionado na lingua española oficial propia de Galicia para retribuír os amentados gastos suplidos e mais servizos prestados».
A pesar de que o día 3 se fan cinco meses desde que presentou ese escrito, aínda non tivo resposta da Administración, o que ve como unha discriminación por lingua.