Nacido para repunar


Todo vai a menos. A John Fitzgerald Kennedy cantáballe Marilyn Monroe e a Obama cántalle Bruce Springsteen. Unha evidente perda de glamour. Os tempos son agora máis prosaicos e tamén a música de alguén que acepta o sobrenome de xefe o é. Quizais por iso diga con tanta contundencia que traballa nun soño.

Bruce Springsteen é un machote con conciencia. Canta ao límite físico, como combaten as tropas en ultramar, pero ten a súa boa causa. Naceu nos Estados Unidos de América e non no barrio de San Pedro. Ten motivos para estar cabreado e cantar como canta porque o seu país non é o mellor do mundo aínda que tantas veces nos fagan crer que si.

Unha das cousas que vai demostrar Springsteen é que non hai crise. 74 euros por un concerto está fóra da medida dun país en recesión onde a CEOE non quere liñas vermellas para negociar. Pagar 74 euros por asistir a un concerto e logo queixarse de que os libros de texto son caros é como para pedir que nos fagan a todos un test psicotécnico de cidadanía. Pero aínda pode ser peor. Porque se pagas 74 euros por un concerto logo terás que quitarlle partido toda a vida e terás que contar unha e outra vez ese día que fuches ao Monte do Gozo a escoitar a Bruce Springteen a cada un dos teus descendentes e a cada un dos descendentes dos teus descendentes, creando un trauma familiar. Haberá que contar cómo, aínda contando os seus anos, se entrega este señor no directo, como destroza os pantalóns de tirarse e como transpira a camisola moito máis do que fará nunca Cristiano Ronaldo. Esa ética do traballo con que espreme o escenario e que tanta xente non practica na súa vida laboral. Pero a historia pesa moito máis do que nos cremos e esta é unha oportunidade histórica aínda que non se entenda de todo. Un concerto de Springsteen irá tan sobrado de enerxía, de potencia, de suor como curto de matices. Son virtudes que se valoran moito no presente confuso e que mesmo poden ser utilizadas cun bo fin.

Falaremos de Springsteen para ben porque aínda hai quen se lembra do paso dos Stones polo Monte do Gozo como se fose unha cita de ficción. Hai que entender que unha parte destes concertos son como as viaxes turísticas e os álbums de fotos: fanse máis para contar que se estivo alí que para ir. A vantaxe de Bruce é que a xente vai ter oportunidade de divertirse. Pero é posible que eu e unha maioría silenciosa agradezamos que non nolo conten. Vou calcular cantas malas obras podería facer con 74 euros e verei se a economía mundial pode pasar sen eles. Polo demais Bruce é un tipo honesto, sinxelo, directo, comprometido e entregado. Como un bo norteamericano medio. E mesmo ten algunhas cancións máis que boas. Gústalle o que fai e confía no porvir -que palabra-. Tampouco se enganen: el naceu para cantar dos USA. O nacido para repunar son eu.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

Nacido para repunar