O director de Femme Fatale destaca que en tres días pasaron máis de 800 persoas polo recinto da Alameda
28 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Estudou Ciencias Políticas -aínda que sempre se sentiu atraído polo espectáculo- para despois dedicarse a tocar a gaita e ao teatro, acabando no cabaré, quizais inconscientemente porque a política cada vez ten máis de espectáculo, travestismo e cabaré. Aínda que naceu fronte a Vigo, en Cangas, hai poucos anos, Nelson Quinteiro logrou instalarse na Coruña, montando na capital herculina as súas primeiras performances con Maribolleras Precarias. Agora, con menos precariedade, dirixe Femme Fatale, compañía conformada por cinco actrices e un actor que esta noite se caracterizarán de escritores de inspiración decimonónica no último día de apertura da Carpacabaré na Alameda.
-¿De onde lle vén esa paixón súa polo cabaré?
-Eu fixen Ciencias Políticas ao tempo que me formaba en teatro, música, danza contemporánea e tradicional e gaita. Pero en canto cheguei ao cabaré, hai cinco anos, foi como ver o ceo aberto porque era unha forma de integrar moitos ámbitos artísticos, a canle perfecta para derivar cousas sobre a actualidade ou a política. O denominador común de todo iso é un pouco a estética, a actitude bastante canalla e pícara. O cabaré e superaberto, permíteche facer o que queiras.
-Femme Fatale pechará hoxe a Carpacabaré con «Batallón literario». ¿Como se conxugan letras, danza e música nesta proposta?
-Facemos unha posta en escena na que utilizamos os libros como elemento escenográfico, caracterizados de escritores de inspiración decimonónica. Tratamos un pouco de reivindicar o papel da poesía que está tan esquecido na sociedade actual, o valor dun verso, da figura poética, do escritor e poeta como transformador social.
-¿Tratan de reflectir aqueles tempos do cabaré refuxio de intelectuais e da bohemia?
-Si, con toda a concepción estilística e estética daquela bohemia que cría na beleza, na verdade e no amor, baixo a cal agochábanse as paixóns máis baixas: a pereza, a avaricia, a luxuria, a ira ...
-Vostede encárgase tamén da programación da Carpacabaré ¿Como está sendo a resposta do público?
-En tres días pasaron por ela máis de 800 persoas. A xente agradece a atmosfera que ten. Paréceme que o proxecto gustou moito, tanto ao público como ás autoridades, e parece que vai ter continuidade.