Ramón Piñeiro cos ollos de Siro

C. P.

SANTIAGO

A artista gráfico e pintor reúne nunha exposición 33 cadros sobre o intelectual homenaxeado o Día das Letras Galegas

05 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O artista gráfico, debuxante e pintor Siro López rende a súa persoal homenaxe a Ramón Piñeiro, persoeiro ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Faino coa exposición Ramón Piñeiro na lembranza , inaugurada onte na sede da Fundación Torrente Ballester. A montaxe está organizada polo Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro, que se suma así aos actos das Letras na súa honra. Reúne unha colección de 33 obras entre pinturas, caricaturas e figuracións, nas que o intelectual galeguista é o único protagonista, e complétase con obras sobre outras persoas que tiveron unha forte relación con el.

Siro explica que elixiu estas tres técnicas artísticas porque os retratos permítenlle presentalo «dende o enfoque máis realista ao máis idealizado, mentres que coas caricaturas abordo o que non pode expresar o retrato, e deixo para as figuracións, concepto que tomo prestado de Seoane, as recreacións máis libres sobre el».

Nese percorrido está o Piñeiro máis íntimo e entrañable e o da imaxe pública, as súas mans como pombas movéndose ao falar, no fondo para agochar a súa gran timidez e súa discreción. A maioría doas obras foron feitas despois da morte de Ramón Piñeiro, pero Siro incluíu a caricatura que fixo o día do seu pasamento, entrando no ceo de puntiñas, e que saíu publicada nas páxinas de La Voz de Galicia, xornal no que traballou como ilustrador gráfico durante moitos anos, pero ampliada para a mostra. Tamén está un retrato que lle fixo «en vivo e en directo» nos anos 80, e unha caricatura realizada case ao mesmo tempo que o cadro, pintado con témpera, como a maioría da súa obra pictórica.

Siro lembrou, a propósito destas dúas pezas, o que dixo un amigo cando as veu xuntas en presenza de Ramón Piñeiro: «O retrato é o Piñeiro intelectual e a caricatura reflicte á persoa». O autor subliña que ese é, precisamente, o talante desta obra, «o que marca a diferenza entre unhas e outras, porque trato de recoller ao intelectual e ao persoeiro cunha ética moi sólida, e por outro lado ao home entrañable, á gran persoa que era».

Siro asegura que esta mostra, que vai percorre diferentes vilas e cidades de toda Galicia, é unha achega persoal á homenaxe das Letras, «porque teño unha débeda impagable con el. Foi a persoa que máis influíu na miña vida dende o punto de vista intelectual, a miña inspiración». Foi asiduo a mesa camilla da casa de Piñeiro na rúa Xelmírez, «na que fun acollido coma un fillo adoptivo, ademais de que el e a súa dona, Isabel, viñan á miña casa un fin de semana polo menos cada dous meses. Así que o seu talante socrático coñecino na súa casa e na miña».