«O teatro é unha asemblea concreta e non virtual»

M. Beceiro

SANTIAGO

O escritor francés intervén no obradoiro sobre dramaturxia actual

27 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tras Enzo Cormann, pseudónimo de Bernard Vergnes, atópase un dos máis destacados autores do teatro francés contemporáneo, cunhas vinte obras traducidas a unha decena de linguas. O dramaturgo francés mantén viva a chama crítica que o seu colega e compatriota, Bernard Marie Koltés, non puido manter tras ser arrebatado pola sida, como se desprende desta entrevista feita con motivo do obradoiro do curso Pistas para unha dramaturxia da actualidade III , que se celebra no Salón Teatro.

-Vostede afirmou que hoxe non todo é teatro, aínda que a xente se reúna ante un escenario. ¿Cales son as claves para que nunha dramaturxia contemporánea se produza o feito teatral?

-En todo caso, paréceme importante que haxa xente que escriba hoxe sobre o mundo de hoxe. Isto é o máis importante. Pero hoxe parece que o que se está impoñendo é unha escrita moi de televisión e cinematográfica ou de aspectos moi ligados ao numérico, ao técnico ou a Internet. No obradoiro abordamos como hoxe podemos escribir teatro para o mundo de hoxe sobre a escena dun teatro que foi algo inventado fai vinte e cinco séculos. Isto merece unha reflexión.

-¿En qué medida todas estas novas tecnoloxías mudaron o feito teatral?

-O que me parece máis importante é considerar que o teatro hoxe en día é unha asemblea concreta e non virtual, e a necesidade de traballar no senso de esta asemblea. Por asemblea se entende a reunión dun público, un grupo de actores e actrices e unha escrita, un texto.

-¿De eses tres elementos da asemblea cal é o que máis falla hoxe en día?

-O que falla é que hoxe en día estase pensando en termos de público e espectáculo, de produtor e consumidor. No teatro actual non se está traballando sobre ese concepto de asemblea. Hai unha compoñente política no teatro que está sendo minorizada por esa visión comercial. Cando falo de política no teatro non estou falando de propaganda política no teatro senón no sentido de que o teatro é o único lugar onde aínda existe este concepto de asemblea concreta.

-Esa concepción do teatro, como todo o asembleario, non debe gustar nada ao poder político.

-Pero é que no fondo o teatro sempre consistiu en tirar aos pés dunha asemblea un poema. Esta dimensión ficticia ten un significado profundamente político. Isto non ten o sentido que tiña na Grecia clásica, cando nace, pero debe conservarse.

-¿É factible un teatro así e, ao mesmo tempo, dependente das institucións?

-O teatro sempre foi dependente do poder político. Molière escribiu algunha das súas pezas mais feroces cando era albergado pola Corte. O problema da tutela política é que, sen as asistencias, si cada individuo tivera que pagar o prezo real de cada representación, case ninguén podería ir ao teatro.