«Non se pode vender un servizo que ao final está mal atendido»

SANTIAGO

A candidata compostelá afirma que a medida máis urxente que hai que tomar é dar un xiro de 180 graos á xestión da lei de dependencia en Santiago e en Galicia

24 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Só en Compostela, viven máis de 3.500 dependentes e hai arredor de 18.000 persoas maiores. Os datos que manexa Paula Prado, candidata polo PP a ocupar unha cadeira no Pazo do Hórreo, lévana a asegurar que o seu partido dará a volta a xestión que durante estes tres anos e medio levou a cabo o bipartito en política social, un dos seus principais cabalos de batalla.

-¿Que é o primeiro que hai que facer en Compostela nada máis entrar no Goberno?

-Nós como actuación prioritaria temos tanto no plano autonómico como no local a posta en marcha da xestión da lei de dependencia. É fundamental porque cremos que os recursos teñen que chegar aos usuarios e non está chegando. Por iso, é necesario que as axudas revertan nos usuarios e nas entidades do terceiro sector, ás que tampouco se lles recoñece o seu traballo.

-Un dos casos máis polémicos foi Volta do Castro.

-A xestión da residencia, como a xestión de outras moitas cousas, é pésima. Isto é só unha proba da ineficacia e a ineficiencia do goberno actual e é hora de dar un xiro de 180 graos.

-¿Para ir cara a onde?

-En Volta do Castro hai falta de persoal, e hai un exceso noutros sitios, como por exemplo o Consorcio Galego do Benestar Social. Iso foi a creación da maior rede clientelar que se fixo en Galicia e o rei dos chiringuitos é o consorcio. Nós imos cumprir como mínimo as ratios que marca a lei. O que non se pode é vender un servizo que ao final está mal atendido e xestionado.

-Tamén denuncian a desaparición do cheque asistencial.

-As empresas cada día teñen menos cheques ou ningún, e os usuarios engrosan as listas de espera habendo prazas privadas. O que non se pode é impoñer un servizo ás persoas porque lle interesa á Administración, senón que elas deben escoller o servizo que prefiren.

-¿E as listas no Sergas?

-Para Santiago temos como proposta principal a creación do centro de saúde do casco histórico, que está paralizado. Tamén a eliminación das listas de espera en atención primaria, porque agora mesmo hai que agardar unha semana por unha receita. Iso é, de novo, un problema de xestión.

-Intúo que co PP tamén desaparecerán as galescolas.

-A nosa política en educación infantil sempre foi moi clara. O que non imos é a adestrar aos rapaces dende ben pequenos nun tema sectario e nunha liña totalmente imposta. Evidentemente manteríamos as prazas públicas, sería unha aberración eliminalas. Pero a nosa política educativa é completamente distinta á do BNG e á do PSOE.

-¿Teñen algunha aposta para a universidade?

-Apostamos por unha formación de calidade e por unha universidade de excelencia. A USC é a máis antiga e todo o que supoña calidade ímolo apoiar.

-¿E aos estudantes? ¿Haberá máis bolsas e residencias?

-Estase a reducir bastante o número de persoas que acoden a residencias universitarias, porque hai máis facultades noutras cidades. Por iso non sei ata que punto sería necesario ampliar a rede.

-¿Hai que centralizar a universidade?

-Se a universidade o plantexase, supuxese unha redución dos custes e fose en beneficio da formación dos universitarios, estaría ben, pero non sei se sería administrativamente factible.