«Este grafito reflicte a diversidade e o clima integrador do barrio»

SANTIAGO

20 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Son poucas as oportunidades de que a ollada europea se pouse nun pequeno barrio, e por iso Fontiñas merece parabéns. O Premio Europeo de Arquitectura Philippe Rotthier 2008 recoñece a calidade do seu deseño urbano, pero tamén a capacidade dos seus veciños de convivir en harmonía. Nesas premisas basáronse Marcos e Xavier, fundadores da empresa de deseño Mutante Creativo, ao elaborar o grafito que dende hoxe luce no muro do instituto, e poñendo toda a súa experiencia como profesionais do deseño ao servizo de Fontiñas.

-¿Como xurdiu a idea do grafito?

-O Concello contactou connosco coa idea de celebrar o premio outorgado, e este graffiti reflicte a diversidade e o clima integrador do barrio, ademais de varios detalles que amosan o porqué dese recoñecemento ao urbanismo.

-¿Que dimensións ten?

-Cubre unha boa parte da parede, con 24 metros de longo e outros dous metros de alto.

-¿Que representades nel?

-Ten una estética marcada de cómic, e ilustra o conxunto do barrio: a paisaxe, as zonas verdes, o carril bici...pero sobre todo a gran variedade de xente e as distintas procedencias que te podes atopar nun barrio coma este.

-¿Traballades unicamente o deseño mural?

-A nosa empresa combina deseño e comunicación traballando a ilustración e a fotografía, pero tamén o deseño web e os traballos audiovisuais.