A Factoría Compostela define os usos coa recuperación do edificio

Concha Pino

SANTIAGO

A rehabilitación interior está pendente de trámites para continuar coas obras iniciadas a pasada primavera

15 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Cando aínda non transcorreu un ano dende que se iniciaran as obras de desescombro e consolidación da estrutura do edificio, a creación da Factoría Compostela, nos 1.191 metros cadrados do inmoble da Rúa da Conga 9 unido ao 11 da Rúa Xelmírez, da un novo e decisivo paso para a posta en marcha dun espazo de creación e experimentación artística e cultural, de marcado carácter alternativo e cunha concepción intimamente ligada ao tecido urbano.

A galerista e historiadora do Arte Concha Fontela é a promotora e directora deste complexo dedicado en exclusiva a usos culturais, cedido para ese fin pola empresa propietaria, San Isidro Galicia S. L.. O proxecto de rehabilitación do edificio situado no corazón do casco histórico, un entramado que resulta da unión en diferentes épocas de tres casas, agarda por algúns trámites para botar a andar da man do arquitecto Manuel Peleteiro Bandín. A iniciativa de poñer en marcha esta factoría implica unha aposta polo dialogo e o encontro cultural coa cidade, polo que agás uns poucos espazos reservados para administración e almacén, así como a última planta, será abertos ao público, sobre todo a planta baixa.

A Factoría Compostela ten unha estrutura que se completa coa Factoría Habana, na capital cubana, no que conxunto se denomina Thaba, una entidade inmaterial e física de experimentación artístico cultural que fará converxer non só a arte senón todas as manifestacións emerxentes da cultura contemporánea actual, dende o urbanismo ao deseño industrial, pasando pola moda, a gastronomía, a música, o cine e o mundo dixital dun e doutro lado da Atlántico, de maneira que a Habana será o centro dende o que irradien as producións do centro e do Sur de América, e Santiago o da creación europea, con circulación de ida e volta.

Ambas factorías funcionarán como espazos habilitados para a experimentación e produción de ideas e proxectos por parte de creadores, moitos dos cales incluso materializarán nestes centros as súas propostas.