Adoecendo de adolescencia

Camilo Franco

SANTIAGO

Segundo quen o explique, o mundo parece avanzar cara a adolescencia final. Un tempo de intranquilidade absoluta que había de preceder á madurez. No cine hai dous tipos de adolescencia: a económica e a problemática. Cineuropa ocúpase máis ben da segunda porque a primeira é territorio copado por Disney.

Os anuncios, coa súa permanente necesidade de hipérboles, están decididos a facer do Acné un sinónimo de adolescencia. Xa non me lembro. O que marca a adolescencia lonxe das culturas estudadas por Margaret Mead é o sexo. A ausencia de sexo non autopropulsado. Ese xogo de ter e non ter dá para moitas comedias amables, para algúns dramas afables e para algunhas películas de terror.

Hai outras perspectivas para domesticar a adolescencia. Para entendela como un experimento do que logo virá, que tampouco sabemos o que é. Olivier Assayas é partidario dos ensaios e o que explica en Fin août, debut septembre é un dos que teñen tido comprobación tráxica. Que pasa cando os individuos disfrutan da súa condición gregaria. Que pasa cando están conformes coa alienación (que palabra). Non é necesario preguntarlle á historia. Hai territorios do Medio Oeste estadounidense ou está o modelo chinés e a máxima pirueta que se puido imaxinar nos setenta: aplicar ao capitalismo a disciplina social e laboral do comunismo.

Pero hai cruces naturais. Por exemplo, Cuba e Galicia están cruzadas ao longo da historia do século XX por mareas diferentes e as súas correspondentes resacas. Ópticas cruzadas é un experimento cinematográfico de realizadores cubanos e galegos para demostrar, máis alá do que diga a historia económica que a relación de Galicia con Cuba é a de paraíso perdido, que a relación de Galicia con Cuba é máis ben sentimental.

A outra opción galega do programa é a revisión da animación galega de curta duración deste últimos anos. Fóra do triunfalismo que ás veces rodea ás estreas da animación do país. Historias máis prendidas ás ganas de contar que ás necesidades de cubrir un segmento dos espectadores imprescindible para a financiación.