O Consorcio entra no padroado da Fundación Eugenio Granell

Concha Pino

SANTIAGO

20 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Consorcio de Santiago é a segunda entidade, detrás do Concello, en aportar fondos para o mantemento da Fundación Eugenio Granell, pero até onte non formaba parte do padroado desta entidade cultural que ten a súa sede no Pazo de Bendaña, na praza do Toural. O xerente do organismo que integran o Estado, a Xunta e o Consello, José Manuel Villanueva, aceptou onte de maneira formal a súa representación na reunión que celebrou o padroado, presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

Nesta sesión foron aprobados os orzamentos para o 2009 da fundación, que no capítulo de ingresos ascenden a algo máis de 523.000 euros e no de gastos a máis de 322.000. Os ingresos da Granell proceden das subvencións establecidas por parte do Concello, que ascenden a 255.000 euros; do Consorcio, que achega 146.232; da Deputación da Coruña, que é de 60.000 euros; e das consellerías de Presidencia e de Cultura, que entre as dúas suman 30.000 euros. A recadación polas vendas na tenda do museo, a das entradas e algúns patrocinios privados completan os seus recursos.

O padroado tamén deu a súa aprobación á programación de exposicións temporais e cos fondos da propios que vai desenvolver o vindeiro ano esta institución pública. As montaxes de produción propia ábrense en xaneiro coa mostra do artista cubano Jorge Camacho, que se leva a cabo en colaboración coa Pinacoteca de Almonte (Huelva), que cede a obra deste creador de traxectoria internacional que ten en depósito. Entre maio e xullo estará exposta a produción recente de Guy Ducornet, artista francés adscrito ao grupo surrealista de Chicago, creado en 1966.

A primeira artista galega da nova tempada da Granell é a luguesa Ana De Matos, que presentará fotografías, vídeos e instalacións arredor da idea convencional da beleza formal asociada a mecanismos de poder. Será contra finais de xullo e daralle paso ao boliviano Ricardo Romero Flores arredor do Carnaval de Oruro.

Eugenio Granell volverá protagonizar unha exposición con obras dos fondos da Fundación que reproducen encontros significativos con persoeiros, culturas, poéticas, sistemas de pensamento e mesmo obxectos, que se presentará co título de Místicos encontros e achados plásticos na obra de Eugenio Granell . Os novos valores terán acollida no ciclo Xoves Poéticas Surrealistas, con dúas exposicións individuais, e coas intervencións no espazo In Situ.

As liñas de traballo da Fundación Granell, que ten como principal obxectivo a investigación e difusión da cultura surrealista e da figura de Eugenio Granell, reforzan o compromiso cos novos valores da arte, coas actividades do servizo de Didáctica do Museo, de apoio e promoción da literatura e para seguir acollendo iniciativas de diferentes colectivos sociais da cidade.