O interior do ollo inquedo

La Voz

SANTIAGO

Houbo unha altura na súa vida na que Laxeiro cambiou o costumismo máxico pola tensión interior. Non foi unha ruptura, foi unha consecuencia dos cambios da pintura e tamén dos cambios na maneira de mirar que se estaban producindo no mundo.

Laxeiro foi un ollo inquedo e buscou unha maneira de contar que permitise ao espectador asistir ás dificultades de percepción do mundo en crise. A pintura explicou moi ben durante algúns anos que xa nada é o que parece e Laxeiro decidiu participar nesa nova narrativa distanciada da realidade convencional e anoada á unha realidade que pode ser considerada interpretativa.

Considerouse informalismo, pero tamén podería ser unha maneira nova de realismo. Laxeiro non acabou de deixar de todo a figuración e fíxoa entrar nunha dimensión de signos diferentes, esquemáticos de fondo, retorcidos de superficie, enérxicos de xesto, formando un rompecabezas no que as pezas só adquiren o sentido da composición cando se advirte a súa participación no conxunto. Foi unha etapa na que o artista recibiu algunhas contrariedades porque quizais os espectadores xa fixaran o seu período clásico e o cambio resultou algo excesivo.

Pero é unha etapa tan lúcida como as anteriores de Laxeiro. Máis decidida e quizais só un pouco menos irónica. É un xogo de espellos nos que hai que ir mirando o mesmo transfundo da sociedade.