«Moralmente, ¿como decides non ir cando están vidas en perigo?»

SANTIAGO

O funcionario asume o cargo con «ilusión», pero coñecedor de que este non é «o momento máis adecuado» para levar adiante moitos cambios

30 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xesús Martínez, novo xefe de bombeiros do parque municipal de Santiago, non é un descoñecido nin para os seus compañeiros nin para as autoridades locais. Suso, como lle chaman os seus colegas e amigos, chegou ao parque compostelán hai xa trinta anos, cando o cuartel ocupaba as instalacións en San Domingos de Bonaval. O traslado a unha nave posterior da estación de autobuses foi algo máis tarde e na súa mente está a posibilidade de poder inaugurar unhas novas instalacións máis cómodas e prácticas en Salgueiriños.

-¿Como se enfronta á xefatura do parque municipal de bombeiros nas circunstancias actuais?

-Pese a todo, con ilusión, porque tes proxectos e queres levalos a cabo. Pero a situación non é a máis adecuada e hai moitas cousas de fondo que van impedir cumprir algúns asuntos.

-¿Cales son eses asuntos prioritarios que deberían cambiarse no parque?

-Máis que nada hai que facer un protocolo de actuacións común a todas as quendas, e tamén é necesario sacar adiante un regulamento interno. Logo hai que informatizar o servizo, porque estamos empregando sistemas obsoletos. Hai cousas que aínda se fan a man, cando informatizando o servizo gañaríase moito tempo e melloraríase na calidade.

-Fala dun protocolo común, ¿que ocorre, cadaquen marca o seu?

-Dende hai uns anos, os mandos empezaron a adaptarse a situación de cada quenda en función da idade da xente e dos recursos dispoñibles. Hai que ter en conta que tivemos unha época con xente maior e agora a media é de máis ou menos 40 anos, pero os mandos adaptábanse ao que tiñan. Agora trátase de unificar formas de traballar.

-Os representantes dos bombeiros quéixanse con frecuencia da falta de efectivos nalgunhas quendas.

-Na teoría, todas as quendas teñen entre 13 e 15 bombeiros, o que ocorre é que coas baixas laborais e días libres, nas quendas poden quedar con dez ou oito persoas. Hai que negociar os servizos mínimos que ten que haber na plantilla e hai que facelo cos sindicatos.

-Iso requirirá chamar a xente que poida estar de día libre.

-A corporación deume agora carta branca para poder chamar a xente que estea fóra de servizo, co fin de poder ter un mínimo de dez.

-Chamar a xente libre incrementará as quendas de libranza.

-Non será cambiar xente de quenda. Serán horas extras, que haberá que pagar.

-¿Será necesario incrementar o número de bombeiros?

-Se o parque é municipal, non sería necesario.

-¿E se é comarcal?

-Nese caso si. E ademais de aumentar a plantilla tamén habería que estudar a ubicación do parque. Non se pode prestar o servizo a un concello que queda a 40 ou 50 minutos. Calquera distancia maior de 20 minutos supón unha carga de lume tremenda; non é operativo. Deberían plantexarse a ubicación de varios parques se queren atender ben a comarca.

-¿Como se está vivindo dentro do grupo o conflito do parque comarcal e a decisión de non saír fóra de Santiago?

-Con moita tensión. ¿Quen pode negarse a prestar auxilio? Pero hai unha sentencia que lles obriga a non saír fora do seu termo municipal.

-Anunciouse que o responsable do parque tomará a decisión de saír para atender emerxencias. Se é así, ¿que é unha emerxencia?

-Nunca se sabe cando é unha emerxencia ou non. Cando chaman pedindo socorro, acodes. Agora ben, cando che din que é unha limpeza de calzada lles pides que chamen á brigada de vías e obras. Cando están en perigo vidas, moralmente, ¿como decides que non vas? Legalmente non tes que saír, pero ¿quen decide non ir? Van levar a pleno un informe do secretario, onde se aclara quen dá a orde. Cando teña o informe nas miñas mans, tomarei unha decisión.

-Posiblemente esta decisión sexa o primeiro problema ao que teña que enfrontarse nesta etapa.

-Posiblemente.

-¿Non chegou xa a un acordo coa plantilla?

-Eles teñen que defender os seus intereses. Eu son un traballador como antes, que ninguén vaia a pensar que cambia a situación. Son un traballador que ten a obriga de coordinar o equipo. Eles teñen que defender os seus intereses e terán que presionar da maneira que poidan dentro da legalidade. Pero esperarei a coñecer o informe, porque non me dixeron que eu ía ter a decisión nas mans.