De repente, pasaron os anos e hai unha historia na historieta. Hai anos que acabou aquel estereotipo do consumidor de viñetas pouco dado a outras lecturas ou impelido a usar clearasil tres veces por día. A historieta normalizouse como oferta e anda tentando, como tantas cousas en Galicia, normalizar a súa demanda.
En xeral, en Galicia funciona mellor aquel tipo de cultura que en algún momento foi underground. Poñamos que a música, algunhas formas de plástica, algunhas de teatro, unha parte da literatura e todo o cómic. Cando menos conservan unha parte da frescura e da espontaneidade que son precisas para que unha cultura non sexa directamente museo.
Se esquecemos as cuestións do mercado (que non deberiamo esquecer) a banda deseñada galega ten batido algúns récords e máis se se comparan con outros xéneros narrativos. Madurou a velocidad incríble, produce variedade, está garantida a liña sucesoria e, ademais, é exportable. Un luxo.
A exposición do Auditorio marca os tempos dese proceso de maduración do cómic en Galicia, desde os primeiros voluntarismos ata o recoñecemento profesional. É unha liña constante que quizais marca unha forma de traballar que outras expresións non conseguiron desenvolver coa mesma frescura. Quizais porque medrou no quiosco, un lugar máis venteado que calquera academia.