O Auditorio mostrará o mellor do cómic galego

M. Beceiro

SANTIAGO

A exposición «Historieta galega 1973-2008» achegará as obras senlleiras da historia recente desta arte

28 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Do 6 de marzo ata o 8 de xuño os afeccionados á banda deseñada galega teñen unha cita ineludíbel no Auditorio de Galicia coa exposición Historieta Galega 1973-2008 que fará un recorrido polo mellor do cómic galego, achegando ao público afeccionado aquelas obras e autores senlleiros na historia recente do xénero en Galicia.

Fausto Isorna e Gemma Sesar son os comisarios de esta interesante proposta que onte foi presentada polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego; e polos tamén patrocinadores da mesma: Rubén Cela, director xeral de Xuventude, e Javier Blanco, da Fundación Feima.

Fai cousa dun ano Feima, fundación dedicada a promocionar a arte galega, encargou aos dous comisarios unha mostra sobre a banda deseñada en Galicia desde os seus inicios, no ano 73, exposición que se celebrou en Madrid, contando con obra de 25 autores galegos do xénero. A mostra, que tivo éxito, puido verse posteriormente no Salón do Cómic de Barcelona. A exposición logrou, pois, interesar ao Auditorio de Galicia onde, a partir do 6 de marzo, se converterá nunha grande mostra na que incluso haberá un espazo dedicado á protohistorieta do século XIX.

Fausto Isorna explica que esta retrospectiva sobre a banda deseñada galega «recorrerá todos os actores e experiencias significativas, a historia da historieta e a historia das publicacións, porque é unha arte para ser publicada». Os comisarios non quixeron facer unha exposición exhaustiva, no sentido de recoller todas as publicacións, porque en ese caso se enchería a sala. «Pensamos que era mellor seleccionar de cada autor poucas cousas pero significativas», aclara Fausto.

O autor que terá máis obra presente será Xaquín Marín, pois tamén é o que máis cedo comezou, no ano 1973. Haberá tamén espazos para unha publicación tan importante na historia da banda deseñada galega como foi Golfiño , tamén para os novos valores, e outro adicado aos autores que, sendo galegos, fixeron case toda a súa obra fóra de Galicia.

A exposición se verá complementada por unha serie de actividades paralelas como talleres para rapaces e unha intervención mural de dous artistas do máis prometedor da banda deseñada galega actual como son Fran Bueno e Jacobo Fernández. Tamén haberá clases maxistrais que serán impartidas por dous dos autores máis internacionais do panorama galego e español: Miguel Anxo Prado e Carlos Giménez, respectivamente. Completa a oferta de actividades paralelas da exposición un obradoiro de guións para cómic, impartido por Carlos Portela, e unha clase teórica e práctica sobre o mundo da impresión e reprodución na arte do cómic a cargo de Antonio Vázquez, da imprenta Tórculo.

Fausto Isorna considera que, en canto ao cómic, en Galicia «estamos nun gran momento, porque hoxe en día se editan moitas páxinas de historietas mensuais, pero a industria, o mercado como tal, cambiou moito e habería que reinventalo».