Hoxe preséntase na biblioteca da Fundación Caixa Galicia o libro O neno que tiña medo dos robots | O robot que tiña medo dos nenos , do que Miguel Vázquez Freire é autor do texto e Xosé Tomás das ilustracións. O conto, publicado en castelán por Edebé e en galego por Rodeira, ten a particularidade de que se le de diante para atrás e de atrás para adiante.
-¿O texto foi antes ca ilustración?
-Este é o terceiro libro infantil que facemos xuntos Miguel e mais eu. A amizade vén de cando el dirixiu a revista Golfiño e temos colaborado en moitas cousas. Para min é fundamental coñecer ao autor do texto, porque se non pérdense matices e pode haber malentendidos, pero sobre todo porque é necesaria unha certa complicidade. Considero que a ilustración é como un diálogo entre creadores, e este libro éo, até o punto de que Miguel orientou moitos debuxos e eu algúns textos. -¿Por que é dobre este conto? -Queriamos que a forma fose tan importante coma o contido. É unha alegoría dos prexuízos e da intolerancia, do descoñecemento do outro. Así que un conto parece copiado do outro de maneira intencionada até confluíren. -¿Probou o efecto dos debuxos antes de ilustrar o conto? -Tanteo no entorno. Neste caso fixen moitas probas antes de definir os personaxes, dos que a familia robot é moito máis humana que a humana, que é a dunha tecnocracia esaxerada.