O artista compostelano ofrece no Auditorio un percorrido retrospectivo pola súa obra dende os 70 e na igrexa da Universidade, onde recrea o seu taller
30 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O artista compostelán Manuel Quintana Martelo (Roxos, 1946), viaxa no tempo a traveso da súa obra na exposición retrospectiva inaugurada o pasado mércores no Auditorio de Galicia e na igrexa da Universidade. Interesáballe «ver xuntas por primeira vez obras dos 70 con outras dos 80 e dos 90, sinalar un percorrido e ver como nos 70 aparecían indicios que se van manifestar despois, sobre todo a linguaxe entre figuración e abstracción». -¿Por que espazo convén empezar o percorrido? -Creo que é mellor empezar polo Auditorio, porque na igrexa está o resumo, a posta en escena final do proceso. E segredos como unha paleta que usei durante 30 anos, ate que estivo inservible, e coa que pintei moitos dos cadros desta montaxe. E pinceis, os pratos nos que fago as mesturas de cor, bocexos e ao que chamo a butaca de pensar. Faltan cousas, pero está o discurso. -¿Por que recrea o estudo? -Estaba traballado con Fernández-Cid para o Dobre Espazo do CGAC, porque está exposición ía ser nese centro. A idea é reunir todo o que está arredor do obra cando se constrúe, o espazo do artista, os seus elementos de traballo. Tivemos que xogar moito coa teatralidade do espazo. -¿Que supón unha retrospectiva na madurez creativa? -É unha oportunidade para ver este diálogo e entender momentos de dúbidas. Hai obras que estiven a punto de rachar porque non entendía moi ben por que aparecían certas cousas que foron encaixando e cobrando sentido. Aporta fe ao sentimento que teño de xogar coa incerteza, de como van aparecer as cousas e non saber como van rematar. Nese baleiro que sinto cando remato algo. -¿Por iso moitos dos seus cadros parecen inacabados? -Sempre me interesou conceptualmente o proceso creativo en si mesmo, de maneira que moitas veces o que menos me importa é o resultado final. Gustaríame ver que un cadro non é a proposta final senón todos os pasos intermedios, as dúbidas que houbo, os cadros que hai debaixo do cadro. -¿Hai moitos? -Hainos, hainos. Algún ten catro, cinco, e ate seis debaixo. -¿Ten algo que ver coa compoñente de memoria, cos personaxes que miran o que lle fai ver ao espectador? -Iso que acabas de dicir é o que quería crear na igrexa. O primeiro que se ve é un grupo escultórico que interrompe a visión do cadro. Pero é que iso é o que vería calquera ao entrar no meu taller, porque me vería a min e o entorno do cadro, participando del. En certo modo, a montaxe é o que ve o artista cando está traballando, porque non vemos o cadro, senón todo o que está arredor e que acaba dentro do cadro, incluído eu mesmo, e o cadro viaxa da parede ao chan, da verticalidade á horizontalidade. -¿Como a plasticidade de obxectos sobre fondos planos? -Gústame xogar co elemento saínte. A obra é un plano sobre o que interveño. É unha teima dende hai moitos anos, que aparece co expresionismo abstracto, cando se di que o cadro deixa de ser un ventá dende a que se ve o mundo. Non me interesa unha ventá dende a que ver, senón un plano sobre o que intervir. Non teño intención de crear o efecto de profundidade, por iso os obxectos están como superpostos. -¿Esta revisión suporá un antes e un despois? -Neste momento a sensación é de baleiro. Tería que contarcho dentro de seis meses. Pero posiblemente producirá algún cambio, pero non de actitude. Probablemente se dará no tema e no diálogo, na posta en escena.