Bodas de prata con risco de desaparición

Emilio Forján A BAÑA

SANTIAGO

FORXÁN

Crónica | Os 25 anos da Banda Infantil de A Baña Membros actuais e fundadores da formación compartiron nostalxia nun concerto en San Vicente e un posterior xantar de confraternidade

25 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Ao longo dos seus vintecinco anos de historia (1982-2007), pola Banda Infantil da Baña pasaron 109 persoas. Moitas delas déronse cita na recente conmemoración do seu 25 aniversario mediante unha actuación en San Vicente, e un posterior xantar de confraternidade. A cada participante entregóuselle un libro conmemorativo e un deuvedé que contén as primeiras actuacións da banda, entre elas a máis emblemática no programa O Kiosko de RTVE, en 1985, ou na Televisión de Galicia. O seu director é Mario Martínez Trillo, alumno fundador ao que o mestre, Emilio Andújar, de 87 anos, cedeu a testemuña de dirixir a banda que el mesmo fundou con moito sacrificio e o apoio dos pais e o director do colexio, despois de escomenzar a impartir clases no colexio en outubro de 1980 cuns 60 alumnos nas súas clases, de entre 8 e 14 anos. Actualmente corren malos tempos para a banda infantil da Baña. De feito, o seu director comenta que aparte da conmemoración en si «queremos concienciar aos pais e aos grupos políticos municipais de que é necesario lograr máis apoio institucional para manter esta tradición, sobre todo desde o colexio para inculcar aos novos». Do contrario, nun concello pequeno como o bañés, asegura que é imposible «manter a escola de música». O seu director recorda con nostalxia os inicios da banda, e di que «daquela había un gran potencial con sesenta alumnos. Hoxe en día non hai onde escoller porque hai moita competencia», dado que da xente interesada na música «a maioría opta por marcharse ás orquestras ou charangas porque tocando alí ganan máis». Anos 80 O convenio co Concello de A Baña en 1982 posibilita que se fagan traxes novos, compralos instrumentos moi custosos por aquela época «a cambio de que a banda actúe unha vez ao ano en cada parroquia gratis», segundo Mario Martínez. Xa en 1985 chegaría un dos momentos máis gloriosos coas actuacións en televisión, e acadando o primeiro posto dentro do concurso de grupos musicais da EXB., celebrado en A Coruña. A mediados dos oitenta, as actuacións da banda sucédense polos centros galegos de Zaragoza, Barcelona, A Rioxa, ou en 1987 nas Fallas de Valencia, e en 1990 en Romansom (Suíza). A finais de 1993 ingresa como director, Mario Martínez. En 1998 fúndase a escola municipal de música que dirixe o profesor Rafael Arosa. Entre as últimas viaxes protagonizadas pola banda infantil da Baña destacan as visitas a Río de Xaneiro e Cuxhaven (Alemaña).