A necesidade de servizos e a crispación marcan a axenda

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

ÁLVARO BALLESTEROS

O debate | Candidatos á alcaldía de Oroso As candidaturas compiten polo goberno orosino con propostas coincidentes, como a mellora das comunicacións e servizos. No xeito de levalas a cabo atópase a diferencia

18 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Se algunha cousa define as propostas electorais dos distintos partidos que se presentan á alcaldía de Oroso é a coincidencia nas grandes necesidades que ten este concello. As diferenzas chegan, como case sempre, polo xeito de levalas a cabo. Os electores de Oroso poden optar por cinco candidatos: Manuel Mirás (PSOE), María José Mira (PP), Xosé Pérez Penas (BNG), Manuel Siberio (PG) e Carlos Noia (TG). Os catro primeiros participaron onte nun debate en Radio Voz. O último rexeitou a invitación. Construír o centro de saúde, ampliar ou trasladar a gardería, mellorar os accesos á autopista e ao polígono empresarial, rematar o saneamento, son propostas que están en todos os programas, nos que tamén hai iniciativas novidosas. Unha delas é a necesidade dunha notaría. Iso si, todos os candidatos dan un aprobado á programación cultural posta en marcha nos últimos anos. Manuel Mirás (PSOE). Entre as nosas propostas destacamos a construción de vivendas sociais e de todos os réximes de protección, e un plan estratéxico municipal que queremos consensuar con todas as forzas do Concello e con todos os sectores sociais. En canto ao deporte, queremos crear unha fundación porque entendemos que hai que unir sinerxias, xa que neste momento cada un vai polo seu lado. María José Mira (PP). O rural ten unhas necesidades que hai que atender e unha delas e a concentración parcelaria porque hai sete parroquias nas que aínda non está rematada. Todos sabemos da saturación que ten o centro de saúde, o que fai necesario construír un novo. Para nós tamén é importante contar cun hixienista dental porque neste concello hai moitos nenos. Xosé Pérez Penas (BNG). A nós, que sempre nos chamaron o partido do non, nesta campaña imos ser positivos, limpos e brancos. Imos dicir si á entrada e saída á autopista, si a un urbanismo legal e racional, si ao fomento do cooperativismo, ao bacharelato e aos ciclos formativos. Hai que animar á xente a que veña vivir a Oroso. Hai que darlle calidade de vida e servizos. Manuel Siberio (PG). Oroso necesita un goberno que goberne para todos, que a contratación de obras e persoal se faga co principio de igualdade, capacidade e méritos, non como se fixo ata o de agora. Cada parroquia ten que ter un centro social en condicións e depósitos de cisternas para que os agricultores poidan regar sen ter sancións. Balance do mandato Pese ás coincidencias programáticas, o enfrontamento entre as distintas forzas orosinas incrementouse durante esta campaña. E o debate de Radio Voz non foi unha excepción, sobre todo no momento de facer balance dos últimos catro anos. M.?M. Hai xente que o único que sabe é descualificar. Pero eu teño que dicir que temos un aval da xestión e o que valoran os veciños son cousas como a programación cultural do centro de usos múltiples, as actividades para maiores e plans de conciliación. Puxemos en marcha un obradoiro de emprego, pero non se fixo nada a dedo. Hai xente de todos os concellos da zona. M.?J.?M. O alcalde fala dos seus logros, pero as flores non son todas para o mesmo sitio. Gobernando catro anos, algo hai que facer. Fala de actos culturais, pero iso é o mínimo que se pode facer. Algunhas infraestruturas estaban feitas e outras as remataron eles. X.?P.?P. Son o único candidato dos que estamos aquí que non estivo na corporación. Vendo desde fóra o Concello teño que dicir que os últimos catro anos foron de inestabilidade política. Móvense moito as letras, pero pouco o banquiño. Boto en falta máis xente nova. Aparte de esperar unha estabilidade política, a xente agarda sentido común, sentidiño. A crispación leva ao equívoco e o equívoco leva ao despiste e logo a xente non cre nos políticos. Os políticos están pera resolver os problemas da xente. M.?S. O concello está sufrindo a incompetencia dun alcalde que foi incapaz de solucionar o caos que existe na política municipal. Non foi quen de democratizar a vida administrativa do Concello. Gastaron máis en propaganda que en inversións. e cun clientelismo descarado con xente contratada a dedo, e practica o mesmo clientelismo coa adxudicación das obras.