A vulneración dos Dereitos Humanos, tema dun ciclo de cine programado no Principal

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

A vulneración dos Dereitos Humanos non é algo que suceda só en países en guerra ou sometidos por unha ditadura, como demostra o que acontece en Guantánamo. Con esa premisa, a Concellaría de Cultura compostelá ofrece ao longo desta semana no Teatro Principal, e con dous pases diarios, o ciclo Cinema e Dereitos Humanos , cun programa que dá a coñecer, como apuntou o concelleiro Néstor Rego na presentación, a visión da realidade de distintos países e culturas. Na escolla dos filmes que se proxectarán ate o vindeiro domingo prevaleceu a diversidade temática e a calidade, tendo en conta as posibilidades de dispoñer das cintas nas canles de distribución comercial. Entre as películas que se poden ver figuran Hanna K. , de Costa Gravas; O crime de Cuenca , de Pilar Miró; Domicilio privado , de Saverio Constanzo; Estrellas de La Línea , unha produción española que narra a situación de violencia e discriminación dun colectivo de mulleres en Guatemala; A noite dos lapis e O pesadelo de Darwin , entre outras.