«Quero desmitificar o poder sancionador dos policías»

La Voz C. P. | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Entrevista | Xosé Antonio Galego O axente santiagués escribiu un libro no que reflexiona sobre o seu traballo e as melloras na seguridade viaria

16 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Superar un cancro enfrontou a Xosé Antonio Galego Fernández (Santiago, 1975) a unha chea de retos. Un dos resultados foi escribir un libro, Aprendiz de policía en circunstancias difíciles , que vén de publicar Sotelo Blanco e que será presentado nuns días. Xosé Antonio é Policía Local en Compostela dende este verán, despois de pedir o cambio dende o veciño Concello de Teo. -Axudoume. Os beneficios que me poida dar serán para a loita contra o cancro no Clínico de Santiago. Non teño máis que cousas boas que dicir do primeiro ao último profesional, empezando polos doutores Rafael López e Hugo Vázquez. -¿Por que este libro? -No primeiro capítulo explico a situación persoal que vivín cando me detectaron unha grave linfopatía. Desbotei a axuda psicolóxica que me ofrecían e pedín que me deixaran asistir a cursos de formación na Academia de Policía mentres me sometía ás sesións de quimioterapia. Toda esa formación foi unha experiencia que pensei que debería ser habitual para todos, que os mandos deberían promover e estimular. Por iso escribín un libro coas miñas reflexións e con aportacións de expertos en materia policial, xurídica e do ensino, e sobre temas de Seguridade e Educación Viaria. -Mesmo inclúe propostas para mudar a preferencia nas rotondas. ¿Como é iso? -É unha achega anovadora e moi importante de García Castro, un compañeiro da Coruña. Melloraría a seguridade. Deberían tela en conta. E os mandos terían que incentivar e motivar aos novos policías -¿En que sentido? -Cando chegan ás comisarías, as veces decepciónanse coa realidade. O que atopan non é o que agardaban. O traballo non é multidisciplinar, e a xente non rota nos servizos. -¿Quería ser policía dende que era neno? -Creo que a vocación naceu comigo. Son fillo dun Policía Nacional, e a actitude do meu pai foi determinante. -¿Mudaría algo? -O que me gustaría é desmitificar o poder sancionador dos corpos policiais, e o de recadadores. Ante todo somos servidores públicos, e creo que se deben aplicar medidas preventivas antes de chegar a sancionar. Reflexionei moito sobre todo iso.