Entrevista | Anxo Pintos A banda presenta en Santiago as composicións do seu novo traballo «10.0» tras unha década nos escenarios
21 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Berrogüetto chega a Santiago cun novo disco no peto. É 10.0 , o cuarto traballo do grupo vigués, co que queren celebrar o seu décimo aniversario. Anxo Pintos axúdanos a achegarmos a este novo traballo, e lémbranos a brillante traxectoria dun dos grupos máis internacionais de Galicia. -¿Que é Berrogüetto hoxe en día? -Naceu coma o noso proxecto de madurez. Queriamos facer un grupo que empregase coma materia prima a música tradicional pero dándolle un enfoque más experimental, co claro obxectivo da profesionalización e a proxección internacional. Chegamos a ese punto dunha maneira moi sinxela tendo en conta que somos músicos que vimos de xéneros diferentes. Agora somos un grupo cunha proxección internacional que conta co xeneroso apoio do público e a crítica galega. Ademais seguimos disfrutando da música. -¿Compare este disco con «Navicularia»(1997)? -No primeiro había música tradicional, e neste último son todas composicións do grupo. Ademais a labor compositiva está moi repartida, con case dous temas por membro do grupo. Quere dicir que cada vez hai unha maior implicación de todos no traballo creativo, aínda que sempre este traballo remata no local de ensaio para chegar ao que se ten chamado o son Berrogüetto. -A verdade é que o son do disco é moi compacto. -Somos un grupo que en algúns casos tende ao sinfonismo, no é que teñamos horrore vacui pero si que nos gusta abigarrar os arranxos e dotalos de moitos detalles. -En dez anos só gravaron catro discos, ¿a que é debido? -As veces é necesario. A medida que acumulas traballos, é máis difícil non repetirnos. É mellor deixar un ano en barbeito e adicarte a facer ensaios e concertos pero non labores de creación porque estarías repetindo demasiado a estética do anterior disco. Pensamos que é necesario deixar certo prazo antes de empezar co seguinte disco. -¿E iso ten algún custe? -Non, é algo que oxixena ao grupo, permite que cada un de nós poida acopiar novas influencias e que as composicións saian diferentes mantendo o son Berrogüetto. -A estética é unha das vosas preocupacións dende o principio. -Si, un traballo discográfico ten un soporte que da a posibilidade de expresar cousas. Somos un grupo que a parte de estar implicados no eido musical, estamos tamén implicados nas inquedanzas cidadás. -¿Existe a marca música galega no exterior? -Ten evolucionado tanto a música galega nos últimos dez anos que hoxe está programada en numerosos festivais europeos. Hai moitos festivais que dentro da súa programación levan sempre a un grupo galego.