Ningún fío para todos

| BERTO YÁÑEZ |

SANTIAGO

LA OPINIÓN DEL EXPERTO

15 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SE HOXE lle contase ao meu avó que non podo enviar nin recibir mail no meu portátil mentres tomo o sol sentado na herba da Alameda, estou seguro de que non comprendería a miña problemática. E, se hai 50 anos, el lle comentase ao seu que tiña que camiñar dez quilómetros para facer unha chamada dende un teléfono público ocorrería o mesmo. Cando falamos da necesidade dunha rede Wi-Fi nunha cidade estamos falando da necesidade de comunicarnos. Internet transformou a forma que temos de relacionarnos: nunca houbo un medio que nos permitise unha comunicación máis económica e rápida e que conxugase nun so «fío» -aínda que debera dicir «sen fío»- tantas formas diferentes de comunicación: depende do programa que usemos temos na pantalla dos nosos ordenadores a Correos, Telefónica, Radio 3, os multicines, a biblioteca pública ou a propia Voz de Galicia, e cada día que pasa internet conquista máis tipos de pantallas en diferentes aparatos. Todas esas posibilidades proporciónanlle á xente que as usa a posibilidade de ser partes das máis diversas comunidades ou redes sociais que pensan de forma global e independente. A tecnoloxía necesaria para proporcionar conexión a Internet sen fíos non é unha entelequia que pode existir a medio prazo, nin precisa de grandes antenas ou infraestruturas carísimas: a tecnoloxía xa existe e por riba é barata. É probábel que instalar puntos de acceso Wi-Fi para dar un servizo que cubrise a práctica totalidade de Santiago non fose máis caro que un alumeado navideño. Entón, ¿onde está o problema? No negocio e na política, en que hai corporacións multinacionais (das que algún día foron públicas) que gastaron hai relativos poucos anos moitos cartos en infraestruturas cunha tecnoloxía que avanzou tan rápido que as fixo obsoletas sen darlles tempo a rentabilizalas, empresas que teñen suficiente poder para controlar os servizos que nos poden proporcionar os nosos concellos para que poidan seguir vendéndonos os seus propios até que atopen outros campos de mercado. Pero non nos poñamos catastróficos, ata agora Internet sempre nos demostrou que, tarde ou cedo, a comunidade consigue satisfacer as súas necesidades de comunicación, grazas a unha mestura de presión social que deriva nun certo compromiso político. E, tampouco o neguemos, ás corporacións de comunicación séguelles sendo rendíbel proporcionárnolas. O asunto é que os accesos cada día son máis rápidos, temos tarifa plana, os prezos cada día son máis baixos e estou seguro que dentro de dous días (pode que tres) baixarei música ou xogarei en rede sentado nas escaleiras da Quintana, ao lado do Concello que me proporciona este servizo da mesma forma e naturalidade coa que recollen o lixo que deixo no colector ou unha farola ilumina a miña rúa. Cuestión de tempo. Como nota final preguntarédesvos despois de ler isto que se todo isto é así que demo fixo R furando dende hai case dez anos todas as rúas da cidade para meter «cable». Boa pregunta.