En directo | Dez anos de Real Filharmonía de Galicia A orquestra residente en Compostela, pero de titularidade autonómica, celebrou a súa primeira década entre as notas de Balboa e Beethoven, discursos e un cheo dos de días especiais
04 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Real Filharmonía de Galicia celebrou que cumpre dez anos sen boatos nin artificios, coa música «do corazón para o corazón», como dixo o director convidado Maximino Zumalave, de protagonista e coa cidade que a veu nacer e que a arroupou nos seus primeiros pasos e nas crises de adolescencia. O compostelán Maximino Zumalave abriu a parte musical dirixindo a obra de apenas sete minutos do desaparecido compositor galego Manuel Balboa, Saturnal , que compuxera por encargo para a estrea da Real Filharmonía. O podio ocupouno despois o mestre Ros Marbà, co que a orquestra executou a obertura do Egmont de Beethoven. O acto apuntou formas, e sorprendeu ao auditorio cunha mestra de cerimonias con tanto oficio como Tereixa Navaza, que ademais é unha asidua entre o público semanal. Na posta en escena, o presidente da Xunta e o alcalde de Santiago aparecían detras da presentadora, pero nun discreto segundo plano e entre sombras, agardando o turno dos seus discursos, que deron paso á musica. Pérez Touriño, máis sobrio e breve que Sánchez Bugallo, deixou claro que a Real Filharmonía de Galicia «é un proxecto de Galicia e para Galicia», que non naceu só para Santiago, e que conta co apoio da Xunta. Antes falara o alcalde, que no repaso pola historia, avatares e logros da Filharmonía, referiuse aos seus membros como «cidadáns de Compostela, veciños dos nosos barrios». O cheo absoluto, ese que só se produce nos días especiais, tivo a frescura de reunir a máis afeccionados e melómanos que a ocasionais figurantes en citas de postín ou de mero protocolo. Estaban, eso sí, máis concelleiros que de costume, e non faltaron autoridades coma o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras. A ocasión propiciou ver no mesmo recinto a persoas tan vencelladas ás orixes e avolución da Real Filharmonía de Galicia como Xerardo Estévez, promotor da súa creación sendo alcalde e un fixo da temporada de abono; Denís Hombre, primeiro director do Auditorio de Galicia e xerente da orquestra; Carlos Magán, fugaz director técnico que marchou de xerente para a Sinfónica de Tenerife e agora vaise para a de Granada. E recibindo, saudando e atentos a todo, o xerente do Consorcio, o director técnico da orquestra e a xerente do Auditorio. Rematou, como toda festa que se precie neste país, con pinchos de empanada e outras exquisiteces argalladas por Carme Eixo, responsable da cafetería do centro cultural.