O Casino reforza a súa actividade cultural cun certame de escultura

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

A entidade incrementa as iniciativas para a promoción do libro e da lectura O programa ábrese este serán cunha charla sobre os medios de comunicación públicos

23 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O Premio de Novela Europea e o Día da Música seguen a ser as estrelas da programación cultural do Casino de Santiago, que reforza as súas actividades con novidades como un certame de escultura e o impulso doutras que ven desenvolvendo na súa sede da Rúa do Vilar, que comparte co Café Casino. Ubaldo Rueda, vicepresidente da entidade, presentou os eventos que van ter lugar ao longo do ano, acompañado doutros membros da directiva. Tamén asistiron o presidente e o vicepresidente da Asociación da Prensa de Santiago, Luís Menéndez e Francisco Rodil, porque este colectivo vaise encargar de organizar unha vez ao mes unha charla debate arredor do tema Que cidade queremos , un ciclo que xa tiña en marcha o Casino e que retoman para abordar asuntos de interés sobre os que van falar profesionais e expertos en diferentes áreas. O programa ábrese esta mesma tarde coa intervención dos directores da TVG e da Radio Galega, Xesús Iglesias e Virxilio Costas, que falarán sobre os medios de información públicos. Está organizada pola asociación da prensa para celebrar a festa de San Francisco de Sales, patrón dos xornalistas. No acto renderanlle unha homenaxe ao recentemente falecido Santiago Davila, que desenvolveu a súa longa traxectoria profesional en Radio Galicia e na Radio Galega. Libros, música e arte Outra das actividades do Casino que segue con máis forza é a promoción do libro e a lectura. Ademais do celebrado Premio de Novela Europea, a elección dun libro para recomendar á súa lectura aos composteláns pasa de ser mensual a semanal, e dará lugar a debates entre lectores, que dispoñerán dun buzón para comentar as obras. E para que os libros forman parte da paisaxe cotiá, os sábados instalarán un posto con na mesma Rúa do Vilar, contando coa colaboración da Agrupación de Libreiros. A animación cultural completaraa un pianista tocando na mesma rúa. Os concertos non se limitarán a actuacións puntuais ou ao Día da Música, o 21 de xuño. Tamén programarán uns Encontros arredor do piano , tertulias abertas mentres algún afamado pianista, ou afeccionados vinculados a outras profesións, interpreta un pequeno concerto. A arte é outro dos capítulos que reforza o Casino, onde son habituais as pequenas exposicións de pintura, fotografía e escultura de artistas acreditados e novos valores. Agora queren poñer en marcha un certame de escultura para artistas novos que tería un xurado semellante ao do premio de novela (no que todos os cidadás teñen dereito a voto ponderado). O máis novidoso é que o espazo de exposición das obras sería O Vilar. É o aspecto pendente, porque teñen que contar cos habitantes e comerciantes, cun servizo de seguridade e a colaboración do Concello.