Descubertas

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

04 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

QUEDARA ás doce do mediodía no Obradoiro, na mañá dun sábado, cos compañeiros do grupo Luimneach / Limerick 2005, cos profesores que compartimos a aventura didáctica irlandesa no pasado verán. A cita era para irmos visitar as cubertas da catedral. Pero non cheguei a tempo -retraso, tráfico, aparcamento- e terá que ser nunha próxima ocasión, seguramente na compaña dos nosos alumnos de secundaria. Estes imponderables que me fixeron impuntual permitíronme, secasí, converterme nun observador calado da praza, que ouxiei dende o ángulo recto que xera o Pazo de Xelmírez coa escaleira monumental e de dobre trazo, seica construída polo arquitecto andaluz Ginés Martínez ó redor do ano 1606, que dá acceso á catedral. A mañá era dun agradable sol de outono. No Obradoiro de tantas citas, evocacións e lembranzas, deambulaban os veciños e turistas, que non eran poucos. Algúns entraban no recinto gozando do tren turístico -ateigado-, cun sorriso agradecido e signos de admiración. No fondo, á esquerda, entre Raxoi e o Reitorado, a meritoria organización Acción contra el hambre tiña montada toda unha escenografía e mesas informativas verbo desta diaria vergonza colectiva, naquel sábado outonizo e sempre. Querían seguir concienciándonos tamén na véspera do 16 de outubro, Día Mundial da Alimentación. Están presentes en máis de corenta países, cuns programas de desenvolvemento que benefician a máis de cinco millóns de persoas. Nun pasquín que nos daban, afírmase: "a fame é a violación do máis fundamental dos dereitos humanos". Que medre esta (accióncontraelhambre.org) e moitas outras heroicas oenegués. O lindo son a todo isto púñao un gaiteiro, tocando música nosa -coma moitos outros días-, embaixo do pazo arcebispal. Aproveitei ben esta media hora obradoira. Agardando.