Unha fin de semana de gran traca

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

O domingo cae o telón co Carnaval de Candeal e Timbalada polas rúas, os Fogos e a actuación de Hombres G Amaral protagoniza esta noite, na praza da Quintana, o concerto máis agardado do programa destas festas

28 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

As Festas do Apóstolo 2005 acábanse. Fano cunha fin de semana de gran traca, porque se esta noite actúa, por fin, o dúo Amaral, mañá hai unha chea de actos para elixir e o domingo, para pechar con festa rachada dúas semanas de animación a esgalla, os tradicionais Fogos pequenos van estar precedidos pola correría do carnaval de Candeal e darán paso ao concerto dos veteranos Hombres G. Amaral A Quintana encherase ás 22.30 desta noite para o concerto de Amaral , o que máis espectación causou de cantos se celebraron nesta edición das festas. O dúo formado polos zaragozanos Eva Amaral e Juan Aguirre volve a Compostela para presentar en directo o seu novo álbum, Pájaros en la cabeza , o cuarto desta parella de músicos que revolucionou o panorama do pop español. Con este disco, do que xa levan vendidos un millón de exemplares, acadaron o recoñecemento unánime do público e da crítica e recibiron premios coma o Ondas, un European MTV Award, cinco Premios da Música e varias nominacións aos Grammy latinos. Solidarios e comprometidos coa sociedade do seu tempo, o dúo Amaral asegura que entende a música como unha forma de comunicación. Por iso as cancións que compoñen son denuncias de problemas como a violencia de xénero ( Salir corriendo ) ou falan da utopía para cambiar as cousas ( Revolución ). Din os entendidos que Pájaros en la cabeza poderíase converter no himno de toda unha xeración de adolescentes. As letras son sinxelas e a música está chea de matices. As entradas para este concerto costan 15 euros, un prezo que sen dúbida é a única razón, a fin de mes e logo de tanta festa, que impediu que non esteña colgado o cartel de esgotadas. Máis música Pero as opcións para esta noite tamén pasan polo Toural, donde actúa La Banda del Camión . Neste mesmo espazo estarán mañá enriba do escenario Ciobanasul , un grupo de folk rumano que pecha o programa de festas aberto e gratuíto que se veu desenvolvendo estes días nesta céntrica praza. Na noite do sábado segue a oferta de espectáculos musicais na Quintana co concerto de Alea e Efecto Mariposa , protagonistas de Zona 40 Noite, o programa que pola mañá, a partires das 11.00, ofrece no campus sur actividades de ocio deportivo da man do programa radiofónica 40 Principales. As prazas do Obradoiro e Praterías van ser escenarios retros na tarde de mañá. Por un lado, coa exposición dos Automóbiles antigos que participan na Volta a Galicia, que chegarán ao Obradoiro ás 18.00 horas para unha exposición ao público que continuará o domingo dende as 11.00 horas; e doutro, coa exhibición de Traxes de época que terá lugar en Praterías ás 20.00 horas. As populares verbenas convidarán a bailar na Alameda a cantas persoas o desexen, o sábado ao ritmo da orquestra Tráfico , e o domingo da orquestra Panamá . A animación de rúa, a cargo de gaiteiros e charangas, encherá de barullo festivo a cidade entre as 12.00 e as 20.00 horas do domingo. Carnaval de Candeal Para que non falte de nada, a última xornada das Festas do Apóstolo contará coa Timbalada que lle pon ritmo ao Carnaval de Candeal , o barrio de Salvador de Bahía do que procede Carlinhos Brown. Esta colorista, musical e divertida animacion carnavaleira partirá ás 21.00 horas da praza Roxa para percorrer a parte baixa da cidade por República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia e Xoán Carlos I, para rematar nas escalinatas do campus sur pouco antes das 23.00 horas. A esa hora prenderan os tradicionais Fogos Pequenos , que dende ese mirador sobre os xardín das residencias universitarias van estourar e encher de luz e cor a cidade no adeus colectivo das festas. Pero aínda hai máis, porque Hombres G estarán ás 23.30 na Quintana para ofecer os vellos temas que o veterano grupo volve a poñer de actualidade. A programación ten unha extensión o 5 de agosto. Ese día estará no Obradoiro Ángel Corella e as estrelas do American Ballet , que inician en Compostela unha xira por España. Este espectáculo, incluido da programación das festas, conta coa colaboración de Caixanova.