A XESTA | O |
08 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.A alfombra verde deste municipio expallarase un chisco máis nos vindeiros anos. O novo planeamento recolle máis dunha vintena de parques novos, e un alégrase de que o cemento saiba rodearse de boas compañías, sobre todo dentro do extenso anel urbano. Unha mágoa o Ensanche, que topou cuns deseñadores disléxicos á hora de ler espacios urbanizados. Vaia papelón lle cargaron ás arboriñas humanizadoras que despuntan tímidas nas gabias. Pois malia ter unha das pezas más cementosas e deshumanizadas do Estado, o verde que zumega esta cidade por todos os lados convírtena nunha das urbes con mellor funcionamento pulmonar deste país. E camiña rampante e luxuriosa cara un indiscutible primeiro posto, unha vez estrullado o PXOM. Moitas das pezas axardinadas xurdiron de auténticos lamazais, algún de triste lembranza persoal. Unha noite, ben pechada, cometín a ousadía de cruzar polo embarrañado ermo que separaba Guadalupe de Xoán XXIII, dominado polas matogueiras e o batuxar das ratas na sucidade do río dos Sapos. E como xa me temía, esvarei alá no fondo e mergulleime na auga lamacenta até as orellas. Hoxe chegaría coa roupa branca (ou como moito verde) e relucinte á casa.