Anos de graza | A custodia de Arfe
04 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O limitado do espazo ten estas cousas, non sempre podes contar todo o que queres, aínda ben que tódolos santos teñen oitava, polo que podemos seguir coa festividade do Corpus. Hoxe toca o seu símbolo, a custodia, que nesta casa leva nome prestixioso: Antonio de Arfe. Era o leonés fillo de Henrique, autor das custodias catedralicias de Toledo, Córdoba ou León, e ata ese momento seguira os pasos do seu pai; pero o gusto mudara, empezando a imporse un novo estilo á romana que todos acabariamos chamando Renacemento, exemplificado por Juan de Álava na catedral en obras como o claustro e as portadas do mesmo e da sancristía, daí a necesidade de prescindir dos orfevres composteláns especialistas nas formas oxivais. Esta custodia vai servir de prototipo, para as feitas en España á nova maniera. O vintecatro de abril de 1539, ante o notario Macías Vázquez, catro coengos asinan co prateiro o contrato no que se estipulaba a realización en prata segundo as trazas dadas polo artista cuns cento cicuenta marcos de peso, entregándolle por cada marco tres ducados de ouro para a feitura e o ouro preciso para dourala. Como garantía Arfe hipotecou propiedades que tiña en León por valor de tres mil ducados. Entre a prata entregada polo cabido estaba a procedente dunha imaxe do Apóstolo doada polo señor Concy Enguerrand VII, diocesano de Laón, para ser colocada no altar maior. A pesar de vir acompañada dunha bula outorgada polo papa de Avignón, Clemente VII, na que se prohibía sacala da catedral ou alienala baixo pena de excomuñón, desfíxose en 1535. No contrato especificábase que Arfe empezaría a traballar no mes de xuño, xunto cos oficiais que fosen mester e sin «alçar mano della» para entregala en 1540. Catro anos máis tarde estaba rematada en branco, polo que lle pediu ao cabido o ouro preciso para dourala, pero os capitulares esixiron unha mostra. En 1543 requiriunos de novo, alegando que precisaba do ouro para rematala, que estaba en terra allea man sobre man con moito gasto, pero obtivo a mesma resposta. Por fin, en novembro dese ano, entregoulles a mostra debuxada en pergamiño e pudo facerse co metal ansiado. Faltaban os taxadores: por parte do cabido designouse ao compostelán Francisco de Vargas e Arfe nomeou ao pucelano Francisco de Isla. O acordo chegou en 1544, data que figura na peaña. A custodia, de base hexagonal, mide 1,37 metros de alto e conta con catro corpos, cada un con seis columnas dobres estriadas. Ao longo do tempo sufriu alteracións. En 1573, por encargo do Cabido, Arfe envía dende Valladolid un basamento con escenas xacobeas, no que colaborou o seu fillo Xoán. Os relevos que o compoñen foron copiados por Celma no púlpito do Evanxeo. Enriba vense escenas da vida da Virxe e cristolóxicas, xunto cos doce profetas de Israel, sobre o que vai a custodia e seis apóstoles na Derradeira Cea. Nos ángulos do templete, conta con pavillóns de columnas abalaustradas rematados polas virtudes, que acobillan a Josué, David, San Xerome, San Gregorio, San Antón e Ararón. Nos esquinais do tránsito ten pequenas esculturas de diversos santos. No segundo corpo atopamos anxos con símbolos eucarísticos e Santiago peregrino, anxos que se repiten no terceiro corpo con instrumentos litúrxicos que acompañan ao Bo Pastor. E no cuarto corpo, unha campaíña e o Año Místico, culminando o conxunto a figura de Xesús Resucitado. Antonius de Arphe hoc opus admirabile fecit anno 1544 Omnipotentis gratia auxilioque Beati Iacobi. Con este remate renacentista mostrou Arfe o orgullo pola obra feita.