O FIADEIRO | O |
14 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.SON LETRAS galegas en feminino e senectude. Mais con espírito alevín. María Magdalena Domínguez (Mos, 1922), poeta do Val da Louriña, tíranos esta pregunta dende o título do seu libro: ¿A quen lle dou unha estrela? (Vigo, 2004), xa na segunda edición. Reflicte xenerosidade esta María Magdalena, porque nesas páxinas vai na procura de persoas para agasallalas con astros de boa sorte ou felicidade. A súa Alborada do Val da Louriña (1986; 2ª edc. no 1992) inaugurou o universo poético desta activa oitentona. E, ata hoxe, deulle ó prelo catorce títulos, pequenos meteoritos ou estreliñas non fugaces, da constelación poética desta muller viúva, rural e autodidacta, que foi labrega, de escrita sentida, en galego e castelán. Vina aínda agora en Monterroso, no Congreso Lorenzo Varela, onde me anunciou que neste maio vai presentar un novo libro de poesía para nenos: O baúl das lembranzas. Será unha festa. Na capa de ¿A quen lle dou unha estrela? hai un debuxo alegórico de José Crespo. Despois, un limiar de Avelino Pousa, no que se destila afecto pola autora. Logo, poemas á paz, contra a guerra e o terror, ó «Nunca máis». Inclúe Magdalena moitos versos amigos, de amor e ausencia.