PUNTA DO MOGARÓN | O |
12 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O ENSINO non está a gañar lectores, ou polo menos non os que se agardaba. Pero publícanse máis títulos ca nunca, temos escritores de calidade, o libro é un produto accesible e asequible e a poboación ten formación. A restra de fallos é, sen dúbida, unha cadea. Un dos eslabóns rebentou na escola por impoñer lecturas concretas en vez de promover que os alumnos lean. Outro rachou na familia, onde a televisión está como nunha peana diante da que nos rendimos como idiotas. Nunca se leu tanto como agora, iso é certo. Nin se tivo acceso a tanta información e medios. Por iso, se cadra é cousa de deixalo correr, de agardar o milagre e quedar cos lectores de verdade, cos que non hai que sair buscar con feiras do libro aburridas, promocións abafantes, premios que son milongas e concursos a tutiplé. Pero non, non pode ser cousa de renderse. Se acaso, de darlle voltas a unha teoría que lle escoitei onte a un escritor que sabe chegar aos rapaces e nenos como Agustín Fernández Paz, apelando á importancia de soñar e do papel que ten niso a literatura. Dixo que el ataca o sistema educativo que na teoría está vencido, e que pensa que a escola «é unha peneira que retén pedras e deixa escapar o ouro, esas areas da vida que son a maxinación e a fantasía.