Proclama

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

30 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

?OXE celebramos a festa dos traballadores e diso si que sabemos nesta cidade onde sempre houbo moitos artesáns, xa fosen canteiros, prateiros ou pintores, artistas nunha palabra, que se entablecían onda nós cando a Igrexa daba a todos traballo. Podemos seguir o seu rastro simplemente a través da nomenclatura das rúas: Acibechería, Praterías, Concheiros, Pelamios, Caldireiría, son exemplos da importancia dos diferentes gremios aquí asentados, pois anque catro -zapateiros, xastres, canteiros e ferreiros- ostentaban a categoría de maiores, moitos outros eran os inscritos, todos co seu correspondente patrón: San Xillán de ferreiros, caldereiros e cerralleiros, na igrexa de Salomé; San Bartolomeu de confieiros, cociñeiros, forneiros, con sede en San Bieito; Santa Apolonia de cordoneiros e calceteiros tamén en San Bieito onde así mesmo se asentaban os sangradores e barbeiros baixo a proteción dos santos Cosme e Damián. Pertencer a gremios era obrigatorio para poder exercer o oficio, abonando unha cantidade, ben en cartos ben en cera e unha cuota anual. A maiores, no caso de mesteres que precisasen tenda, coma tal os ferreiros, para poder abrila deberían pagar cen reais ou cincuenta os fillos de confrades. Tódolos gremios tiñan función anual no día do patrón e concorrían con cera a outras tales a do Corpus, San Roque ou o Xoves Santo. As constitucións eran máis relixiosas que protectoras dos oficios que acollían, por iso se foron acabando co paso do tempo. O noso Concello, en 1851, en misiva dirixida ao Intendente de Galicia, considéraas antiguallas, propondo mudalas por ordenanzas máis técnicas nas que se inclúan a educación, aprendizaxe ou montepíos. Despois, co Sexenio Revolucionario (1868 a 1874), entra en Galicia o movemento obreiro e empeza para o proletariado unha nova era. Pero nos últimos tempos mudaron moitas máis cousas, como os propios oficios que se van extinguindo e dos que xa non queda apenas lembranza. Aquelas lexións de leiteiras que tódalas mañás chegaban coa cabeza chea de cántaras para que os veciños puidesen almorzar. Os chocolateiros espallados por tódalas rúas: Raposo nas Orfas, María Lemos e Pepa a Pandela en San Pedro, Cepeda en Cervantes, Cotos en San Bieito, os Vázquez, Ron e Buíde no Preguntoiro, Manuel García nas Casas Reais. Varridos polo tempo Na alimentación constaban inscritos entre outros: barquilleiros, hostieiros, muiñeiros ou rosquilleiros. No textil: alparagateiros, calceteiras, gorreiros, mestre sastre, mestre guanteiro, pasamaneira, No coiro: albardeiro, babucheira, curtidor. No metal: caldeireiro, esporista, ferreiro, follalateiro, oleira. A maiores, dispuñamos de cesteiro, faroleiro, globista, peneireiro, rosarieiro, todos eles bos artesáns que foron varridos polo vento de seda que é o tempo que pasa. Hoxe é o Primeiro de Maio e cómpre botar unha proclama, velaí vai a de 1901: «Las sociedades de canteros, carpinteros, peones organizados y sección de oficios y profesiones varias, convocan a sus afiliados y trabajadores en general para el mitin que se celebrará a las 10 de la mañana en el domicilio social, Rúa Nueva, 19, bajos; a la jira campestre, y a la velada que tendrá lugar a las 7, en el día 1º de Mayo. ¡Viva el 1º de Mayo! ¡Viva la jornada obrera! ¡Viva la paz universal!». aldonzadepraterías@yahoo.es