Mont-Joy

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

23 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

MAÑÁ A Igrexa celebra a festividade de San Marcos, autor do segundo Evanxeo, patrón de moitas localidades, entre elas Noia, Venecia ou Corcubión. En Compostela, durante séculos, o Evanxelista gozou de capela propia e festa rachada. Cando Xelmírez tomou posesión como bispo e señor da cidade, adicou todo os seus esforzos a darlle categoría, esforzándose na construción de obras de nova creación como a catedral (que o seu antecesor Diego Peláez deixara apenas esbozada), pero a súa habelencia levouno a reedificar outras capelas xa existentes, sitas en lugares estratéxicos, como a que se erguía no Monte do Gozo, consagrándoa á Santa e Veneranda Cruz. Estamos a falar do primeiro miradoiro sobre Compostela desde o que outeaban os peregrinos que viñan de Franza. A pesar da canseira do camiño, ao chegar ás ladeiras do monte non podían deixar de correr para ver quen era o primerio en acadar o cume do castro e proclamarse roi da peregrinación, e así coroado de ramallos e frores arribaba á catedral. Outra peculiaridade tiña este punto que o facía memorable. Alá polo ano 834, coa invención (de invenire , atopar) dun edículo contendo uns restos que o obispo Teodomiro e a coroa asturiana queren apostólicos, a cidade compostelana empeza a configurarse, a ese fin, o rei Alfonso II concede un xiro de sesenta kilómetros cadrados comprendidos entre marcos chantados nos lugares mencionados na Epístola do Papa León, mais, ao transitar por eles os peregrinos despois de tan longa viaxe, non podían deixar de rezar convertendo os miliarios en humillatorium . Unha das vías que confluían ao Locus Sactus Beati Iacobi era Santiago-San Marcos-Lugo, que tiña o humilladoiro en San Marcos. Por iso Xelmírez, cando reedificou a ermida estableceu a procesión das ladaíñas, a celebrar polo clero e o pobo cada vintecinco de abril ata o Mont-Joy, onde se oficiaba solemne misa polo Papa, para regresar de novo á cidade. Os fieis percorrían quilómetros tomando como único alimento os manxares da vida eterna, moi espirituais pero pouco contundentes para tan dura camiñata, co que chegaban ás casas derreados. Por abreviar, o Cabido pasou a celebrala no claustro da catedral. O Concello -xunto cos gremios- tamén honraba a San Marcos no convento da Virxe da Cerca -San Agostiño- ata que no ano 1788 caiu un raio nunha das torres saíndo as pedras como disparadas por un cañón e morrendo unha veciña da zona que estaba durmindo. Como consecuencia da desfeita, aos cinco días derrubouse a torre sobre a igrexa e ficou arruinada. Volvendo ao Monte do Gozo, ao estar nunha das estremas da cidade, era lugar de protocolo como acontecía co Milladoiro. Alí foi recibido Xelmírez cando volveu de León coa cabeza de Santiago Alfeo, unha das reliquias máis prezadas da catedral. Xa sabedes que o noso bispo e Urraca botaron a vida pelexando e reconciliándose. Nunha desas discordias, Xelmírez fora visitar á raíña que o recibiu moi respectuosa, entregándolle a devandita reliquia traía de Palestina por Mauricio, arcebispo de Braga. O busto-relicario de prata que a garda, co rostro e pescozo esmaltados, foi encargado polo arcebispo Berenguer de Landoire quen, despois de colocar dentro a reliquia, procesionouna no Nadal de 1322. Santiago o Menor aparece de frente, maxestoso, coa face enmarcada por cabelos que, ao igual que a barba, son dourados, e a cabeza cinguida por aureola de prata sobredourada (tres cintas pregadas, regalo dos cintureiros no século XV). Viste capa tamén dourada, repuxada e con predrería que, ao longo dos séculos se foi enriquecendo. Do bispo García Manrique son os camafeus helenísticos, cinco entalles romanos e a vieira de cristal de rocha que loce no peito. A comezos do XVII engádesenlle máis pedras, o pedestal e o dosel procesional. No colo loce o brazalete de ouro de Suero Quiñones, ofrecido por ese cabaleiro en 1434. Así de fachendoso pasea polas naves da catedral nas procesións mitradas das grandes solemnidades.