Visitatio Sepulchri

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

26 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

NOS TEMPOS antigos a música era gloria Dei atque sanctificatio fidelium e formaba parte importante do ritual eclesiástico. Durante séculos, Papas e Concilios esforzáronse por manter a súa natureza e esencia. Tamén na nosa catedral, que ata a súa decadencia, a principios do século XIX, contou cunha podente Capela Musical con grandes mestres á frente que contribuíron a dar maior resalte e esplendor ás cerimonias. Nomes como José Vaquedano, Buono Chiodi ou Melchor López, son apenas unha pequena mostra entre aqueles músicos aos que lles debemos magníficas composicións, nas que nunca faltaban as propias destes días de Paixón: Stabat Mater, lamentacións ou motetes. Pero rematada a Semana Santa chegaba a Pascoa Florida que, xunto co Nadal, constituían momentos privilexiados para os dramas litúrxicos, pequenas representacións escénicas antecesoras do teatro moderno. Para situalos hai que remontarse ao século XI, ao mudar a liturxia hispánica pola romana, reforma impulsada por Gregorio VII co firme apoio de Cluni. Este cambio coincide en Compostela cos inicios da construción da sé, sendo bispo Diego Peláez, mais será baixo o impulso de Xelmírez, partidario do novo ritual, cando se vai ir consolidando unha liturxia propia, moi influenciada por Francia a través do Camiño, aínda que con características nosas. E aquí debemos situar o melodrama pascoal que, se ben é certo que se representaba noutros templos, conta cunha versión particular entre nós que perdura ata o século XV, un pequeno texto do século XII de claras reminiscencias aquitanas conservado no noso arquivo catedralicio, resgatado grazas á dilixencia de don Xesús Carro. A obriña en cuestión titúlase Ad significationem sepulchri e representábase na mañán de Pascoa: María Magdalena, alarmada ao atopar o sepulcro baleiro, pregúntalle ás mulleres que a acompañan ubi est Xristus meus Dominus?; detrás do altar xurde un Anxo que, despois de saudalas, entoa o Alleluia e da fe da Resurrección do Noso Señor. A representación corría a cargo de nenos vestidos de branco, no papel de mulleres, que en fila avantaban desde o coro cara o altar entoando brandamente a antífona e, logo da aparición do Anxo, volvían de novo ao coro, ante a expectación de composteláns e peregrinos. A celebración pascoal foi tamén elixida polo Rei Alfonso IX para consagrar a catedral. O bispo Pedro Muñiz non estaba moi conforme, pero a Súa Maxestade non parou ata convencelo, escollendo o xoves tres de abril de 1211, despois da Dominica segunda de Pascoa. Desta cerimonia xa vos informei e non será cousa de repetirse. Ata finais do século XVI celebrouse puntualmente o aniversario. Hoxe supoño que moitos estaredes enfiando cara Padrón para celebrar a festa da Resurrección. O que tal vez non saibades é que o noso Concello a piques estivo de aforrarvos a viaxe. Ata hai ben pouco esa vila asolagábase frecuentemente, sobre todo no mes de marzo, coincidindo as enchentes do río coa suba das marés de Cesures. No ano 1804, a chea cadrou coa feira ocasionando numerosas perdas aos feirantes que se viron e desexaron para pór a salvo o gando, nun inútil esforzo que non evitou a catástrofe, quedando o campo estrado de cadáveres de animais. Os padroneses, afeitos á situación, fixéronlle frente pechándose nas casas, subindo as súa facenda (incluídos porcos e mulas) aos tellados e dispondo de barcas para circular pola vila. O consistorio santiagués, aproveitando que o río -Sar- pasa por Padrón e ocasionaba tantas desgrazas, dirixiuse a el-Rei, en misiva de 4 de agosto dese ano, pedindo o traslado da feira á nosa cidade, baseándose non só nas numerosas perdas que as augas causaban á Real Facenda senón na mellor situación e abastecemento de Compostela, que tiña de todo mentres que a estreita e mezquiña vila padronesa carecía mesmo de pan que os feirantes levaban de Santiago. Apesar de tan desinteresados argumentos, todo quedou en auga de borrallas e, como o tempo todo o esquece, hoxe ambas vilas viven irmandadas e en boa harmonía.