ANOS DE GRAZA
05 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.COMPOSTELA, alomenos na parte histórica, segue a ser, por fortuna, un lugar sen moito ruído. As xentes camiñan falando por un trebello apegado á orella cara as súas ocupacións, tráfico case non hai, daí que se sintan os paxaros (especialmente nestes días que andan moi atarefados instalándose nos seus lares despois da voda, pois, como tódolos anos, casaron o día da Candelaria); o rumor da auga nas fontes -se non se conxelan- e o son das campás que seguen a convocarnos para as distintas funcións eclesiásticas. Malia todo ese repenique, non se pode negar que o son das badaladas perdeu moitísimo protagonismo a favor da televisión, encargada ogano de comunicar as novas. Cando non había outros medios, o seu toque de rebato avisaba aos veciños de calquera perigo, xa fose invasión, lume ou a treboada, costume ista perigosísima para o tanxedor pois é precisamente o campanario o primeiro sitio onde caen as chispas. Por iso Almanzor, cando nos invadiu en agosto do ano 997, levou para Córdoba os sinos da catedral, para silenciar a súa voz. Ao carón destes toques había outros máis domésticos, como o de defuntos, diferente se o morto era varón ou muller, que a nosa sé mantén cada vez que falece algún dos nosos eclesiásticos. Cando así tanxe a campá, son moitos os veciños que se achegan preguntando que coengo nos deixou. Os toques de parto tiñan tamén o seu aquel. Cando a unha parturenta lle chegaba a hora do alumeamento, os veciños eran avisados a través das campás para que coas súas preces axudasen á muller en tan comprometido paso. Acabou co costume o alcalde Juan Gutierrez de la Cruz, por Decreto de 17 de xuño de 1841, xa que, ao escoitalo, outras mulleres que estaban próximas a pasar polos mesmos traballos, entráballes tal medo que «abatiendo su ánimo, tal vez hace difícil lo que de suyo era sencillo», con funestas consecuencias. Nótase ben que o noso rexedor nunca se viu no caso de parir, do contrario non o xulgaría tan simple. Pero, a maiores destas funcións, as campás están sobre todo para convocar aos fieis a rezar fóra ou dentro do templo. Os vellos do lugar aínda lembrarán cando ás doce da mañá o toque interrompía os labores e a xente paraba a rezar o Angelus, sen saber que ese costume usual en toda a cristiandade, en España practicábase á unha e aplicábase polas intencións de El Rei. Felipe III, por Real Célula de 15 de xullo de 1599, mudou a hora para as doce, encargándolle a bispos e cabidos que seguisen orando pola súa intención. ¿Cantas campás hai en Compostela? Moitas e todas soan. As dos conventos marcan as distintas preces do día, permitíndose ás veces algunha pequena frivolidade. (Así, as clarisas e as carmelitas, que son boas veciñas, felicítanse mutuamente o día da festa da patroa). Pero a campá compostelá por antonomasia é a Berenguela, que toma o nome do arcebispo Berenguel de Landore, quen levantou o primeiro corpo da torre homónima. En 1481, Luís XI de Francia mandou en peregrinación no seu nome a Monsieur Mortillon e a dous Rexedores de La Rochelle, con cartos e metal dabondo para fundir dúas campás tan grandes que houbo que reforzar esta torre, dado que a maior tiña trinta palmos de van. A campá fundiuse en 1725 e, con ese metal, Pedro de Güesmes fixo a outra Berenguela tocada ata 1976, da que os santiagueses aseguraban que se escoitaba na Susana ou máis alá. Nos anos oitenta instalouse a actual, feita no estranxeiro, que soa ben, si, pero moitísimo menos que aqueloutra da que dicía Cunqueiro que enternecía a carne da lamprea dos fogóns da Faxeira e da Mámoa. aldonzadepraterias@yahoo.es