Antroido globalizado

CONCHA PINO

SANTIAGO

PUNTA DO MOGARÓN | O |

09 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A MALFADADA globalización hai tempo que chegou ao antroido. Agás nas comarcas ourensáns da Limia e Monterrei, cos xa famosos entroidos de Verín, Laza e Xinzo, na veciña do Ulla cos seus Correos e Xenerais, e non sei se nalgunha outra, no resto de Galicia queda pouca identidade, malia que non haxa cidade e vila sen desfile con afán de atraer miróns e pouco engado para acadar a participación aberta e popular. Se cadra non é cousa de recuperar costumes como unha do meu pobo segundo a que os mozos tiñan bula para marcar coas máns pringadas de chisco do fondo das potas a cara das mozas, que, pobres delas, non estaban a salvo nin na súa casa o martes de antroido. Tampouco é que me pareza bárbaro que che boten formigas adoecidas en vinagre como fan en Verín, que non está mal se pillan á xente avisada. Pero boto en falta aquel espírito transgresor e algo desvergonzado, retranqueiro e pillabán para correr o antroido máis aló de ir á discoteca ou de marcha cun disfraz de salón. Menos mal que nos queda a gastronomía caseira e popular, que tamén está tocada con tanta orella e filloa de dulcería e tanto cartel de lacón con grelos eslavado de sustancia.