ANOS DE GRAZA
15 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.DESPOIS dun tempo de descanso que boa falta me facía para repoñerme de tanto peregrino, aquí estou de novo disposta a compartir con todos os miúdos e grandes sucesos que conformaron a historia da nosa cidade. Antes de nada venturoso ano para todos. Amén de comer o turrón e demais lambetadas, tamén viaxei un pouquiño. Cómo fago para poder andar polo mundo sen que vos decatedes, explicaréivolo algún día. De momento sabede que andiven por terras do Sur, máis concretamente en Sevilla, visitando vellos amigos, moitos por fortuna vivos, e outros que xa durmen o soño dos xustos aos que coñecín cando presidiron a nosa sede como prelados antes de trasladarse á cidade hispalense, cousa que por certo causaba pouca graza aos composteláns, pois nunca entendemos como alguén que custodiaba os restos do señor Santiago puidera apetecerlle outra diócese. Un deses desertores foi Gaspar de Zúñiga y Avellaneda, terceiro fillo do Conde de Miranda, nado en Osma cara 1511. Logo de estudar en Salamanca baixo a direción de Francisco de Vitoria, obtivo unha cátedra de Teoloxía que rexentou durante tres anos. Como bispo de Segovia asistiu ao Concilio de Trento formando parte da comisión que redactou os canons sobre a misa e o sacramento da Orde. Nomeado arcebispo de Compostela, chegou á nosa cidade o 11 de febreiro de 1558, sendo unha das súas primeiras medidas a convocatoria dun sínodo no mes de outubro, no que, entre outras disposicións, figuraba a creación das confrarías do Santísimo Sacramento en tódalas parroquias (algo natural nun neto de dona Teresa Enríquez, coñecida popularmente como La loca del Sacramento, pola extrema devoción que lle profesaba), e a ampliación da casa-hospicio fundada uns anos antes polo presbítero Miguel Clemente. Por mellor servir á esta súa Igrexa, fixo abondosas doacións, entre elas un servizo de Pontifical e distintos ornamentos: luvas con cinco pedras cada unha (esmeraldas, diamantes e rubís), zapatos carmesís e dalmáticas. Despois trasladouse por uns anos á Corte, regresando no ano 1566 para empeñarse na publicación dun novo Breviario cun notable tratado de Rúbricas, coa mala fortuna de coincidir coa Bula de Pío V Quod a nobis, que só admitía o Breviario Romano. Tres anos despois, sobreveu en Compostela unha terrible peste que causou grande mortandade e o bispo, de complexión delicada, solicitou urxentemente o traslado a Sevilla, petición atendida con celeridade. Esas presas non nos gustaron nada, e algún agoiro pronosticou que non gozaría moito do seu novo destino, como así foi: comisionado por Felipe II, que visitaba Andalucía mentres agardaba á chegada da súa nova esposa Ana de Austria, acode a Santander para recibir á noiva. Celebrados os esponsais, ponse en camiño cara a súa nova diócese, pero morreu en Xaén o dous de xaneiro de 1571, e foi enterrado en Sevilla na capela de Nosa Señora da Antigua. A maldición galega que recaía sobre o monseñor que deixaba a Igrexa de Santiago agoirándolle curto porvir onde queira que marchase, alcanzou tamén ao Arcebispo Luís Fernández de Córdoba, que só pudo fruír do arcebispado sevillano un ano escaso. Pero como acontece a miúdo con tales fadas, foi perdendo forza e moitos outros prelados que pediran o traslado desfrutaron longo tempo da sede hispalense. Agustín Spínola morreu pola peste que, entre 1645 e 1649 dezmou a cidade; o seu sobriño Ambrosio, faleceu a causa dunha pulmonía que pillou por subir á Giralda descalzo e cargado co lignum crucis para pedir o cese da chuvia. Prelados houbo que a pesar de marchar a Sevilla non querían perder a Silla, caso de don Luís Salcedo y Azcona que desexaba ser enterrado en Santiago, pero o noso Cabido, con esa finura que sempre o caracterizou, despachouno con moito desapego.