PUNTA DO MOGARÓN | O |
20 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ALEGROUME que fose Serrat, a súa canción Mediterráneo , a que gañara o programa de TVE no que os televidentes elixiron a mellor española das dez finalistas entre 50 dunha escolla do amplo repertorio da música lixeira. Tratabase de que a xente votara pola que se lle quedou presa nalgún rincón do corazón ou da alma. Eu non podería dicir unha, porque levo atada á memoria das persoas que máis quixen e quero as que eles cantaban, e otras van unidas a momentos inesquecibles. A Compostela, por exemplo, tardei en desvinculala do himno do Apóstolo, en procesión da Alameda á catedral, abraiada entre tanta xente e coa sensación de que os altavoces, que enxordecían coa música de «Gloria a Santiago patrón de las españas...», tamén nos observaban. Pero esa non esta no hit parade nin é a canción da miña vida, claro. Prefiro quedarme coas de Jorge Sepúlveda que cantaba tan ben miña nai cando lavaba; e coa que lle cantaba a ela meu pai con moita tenrura e pouco ouvido. Cunha de Raphael cantada polo meu irmán cando eramos pequenos nunha festa familiar, coa que di Churra, churra... , dos Herdeiros da Cruz, coa que nos atronaba o meu fillo. E cos boleros que nunca bailei.